O escritor bergondés e veciño de Betanzos Xabier López é o gañador da nova edición do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega que concede a Deputación. López acadou o galardón pola súa novela 900. O xurado destacou a calidade da "gran novela río" para outorgarlle o premio, dotado con 25.000 euros, a maior dotación da literatura en lingua galega.

O autor da obra gañadora, presentada co lema Casa Tomada, conta cunha traxectoria xa consolidada e unha ampla obra que recibiu xa numerosos recoñecementos en distintos certames literarios, lembra a Deputación. A escritora Marica Campo, a investigadora e profesora da Universidade de Vigo Ana Luna e os escritores Carlos Negro, Suso de Toro e Antonio Piñeiro, gañador da anterior edición do premio coa súa obra A través do fume, coa vicepresidenta e responsable da área de Cultura da institución provincial, Goretti Sanmartín, como presidenta e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández, como secretaria, formaban parte dun xurado que destacou a "alta calidade das obras finalistas do certame, con novelas moi audaces e arriscadas".

Da obra gañadora, unha novela que supera as 500 páxinas, o xurado destaca que se trata dunha "novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor".

Define tamén a través do fallo a obra de Xabier López como unha "novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século".

Xabier López convértese co galardón en gañador do XXX Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación, na terceira edición en que se convoca para modalidade en galego e en castelán separadas. Nas anteriores edicións, Eli Ríos con Luns (Xerais) e Antonio Piñeiro con A través do fume (Galaxia) fixéronse co galardón.