A historiadora Encarna Otero lembra como na escola das monxas, por falar en galego, lle daban na cabeza cuncha chasca de madeira mentres lle dicían: "Hablen ustedes bien, que parecen hijas de ganaderos". A poeta Luz Fandiño rememora tamén o maltrato dos nenos galegofalantes na escola. Cítase ao escritor Carlos Casares, que contou que cando estudaba lle fixeron escribir cen veces "No hablaré en gallego". E a que subscribe veu diante dela coma unha nai de Madrid lle chamaba paleto a un neno de oito anos porque lle aconsellara que lle dera "de recú ao coche", en galego, un detalliño pequeno pero que fere tan fondo que sangra toda a vida. Se de neno te insultan, te golpean e te marxinan só por falar galego, hai bastantes posibilidades de que te pases ao castelán, que o rexeites para sobrevivir, que non lle trasmitas a lingua nai aos teus fillos para protexelos, que se vai perdendo un dos sinais de identidade, e tamén que teñas un trauma psicolóxico. Son cuestións tan importantes como non analizadas polo que a sesión de onte na Deputación dentro da xornada Malas Linguas Malas Linguasfoi un auténtico fito e xuntou a un gran número de asistentes, moitos deles normalizadores lingüísticos en concellos.

Do xenocidio ao lingüicidio: a violencia física contra a poboación galegofalante, foi o título da mesa de debate na que participou Encarna Otero e Antonio Míguez Camacho como historiadores. Nesta intervención relatouse como a ditadura franquista, xunto co xenocidio de persoas, tamén practicou o exterminio do idioma. Lembraron como se pasou da alegría e esperanza das escolas de ensino en galego, o pulo das Irmandades da Fala dándolle unha "estructura filolóxica" e como fomentaban que as mulleres se fixesen mestras, ata que chegou o golpe de 1936 e todo "quedou asulagado en sangue", cunha "feroz represión sobre todo en mulleres mestras republicanas galeguistas".

Encarna Otero mencionou os casos de mestras coma María Vázquez Suárez, asasinada en Bañobre ou Mercedes Romero, asasinada en Monelos. "O galego desaparece e se persegue con sangue, co insulto, coa feroz represión da ideoloxía falanxista e da Igrexa católica. Afástase ás mulles do estudo, quérenas só na casa", sinalou Otero. Míguez Camacho explicou tamén como o franquismo foi un "proceso xenocida".

O profesor e escritor Marcos Abalde comparou o "exterminio lingüístico e o terrorismo de Estado" en Galicia con procesos similares en Cataluña norte, na Bretaña ou Occitania, porque nestes casos se produciu unha "ruptura da transmisión lingüística" dunha xeración a outra. E sobre todo, amosou que noutros sitios sí que se teñen estudado os efectos desa ruptura, do trauma xerado en persoas represaliadas por falar galego. Na Bretaña psicólogos e psiquiatras identificaron maior "prevalencia de alcoholismo, suicidios, tendencia á violencia e depresión", como consecuencia desa perda da trasmisión do idioma. Tamén hai estudos de que estas persoas teñen máis dificultade en expresar afectividade, en relacionarse cos demais". Son procesos de disolución dos vínculos comunitarios e de destrución da autoestima", sinalou Abalde.

"Tamén está por explorar o tema dos beneficios na saúde da recuperación da lingua", como sí se fixo en Canadá, contou este experto. Identificou tres etapas: no 36, refórzanse as pautas diglósicas; no 56, comeza a deixar de transmitirse a lingua, pero sí se transmite o trauma, renúnciase á lingua propia; e a partir do 76 comeza a reparación comunitaria. "A lingua ten un papel na reparación dos vínculos individuais, familiares e comunitarios. A lingua ten unha función reparadora", suliñou.

Unha das intervencións máis destacadas desta xornada organizada pola Deputación da Coruña foi a de Iria García, psicopedagoga e terapeuta familiar. "Non hai estudos nin investigacións de como se transmite xeracionalmente o trauma lingüístico". Veiga explicou como a ditadura provocou "un trauma e un autorexeitamento", e fixo xurdir en moitas persoas "mecanismos de supervivencia". Os galegos adaptáronse baixo o réxime para sobrevivir, baixou unha sensación continuada e profunda de medo, e non lle transmitiron a lingua ás seguintes xeracións precisamente por esa ansia de protección, daí que lles falen en castelán aos fillos.

"Despois de ter elaborada unha negación de sí mesmo, elaboran unha crenza, o galego non é válido, e iso normalízase e transmítese. O galego relégase ao ámbito familiar, e esa crenza queda consolidada e non ten fin, segue hoxe sen repararse o dano causado", sinalou esta psicopedagoga, quen contou o exem-plo de como seu avó mantén silencio sobre o mal que o pasou no franquismo e como deixou de falar galego, só coa muller e irmáns, mentres que seu pai sí lle transmitiu a lingua "con seguridade e amor, como algo positivo", o que a ela a levou a ser "monolingüe en galego", gracias a que esa transmisión veu acompañada dunha "emocionalidade". E ela mesma continuou esta transmisión cos seus fillos, de 6 anos, escolarizados nunha das seis escolas de galego Semente. No caso da súa comarca, en Ferrol, agora buscan axudas por crowdfunding para chegar á etapa de Primaria, en Semente Trasancos.

Iria García alertou de que un neno galegofalante, nunha escola normal "nuns días xa empeza a mesturar galego e castelán, logo xa fala castelán na escola e galego na casa, e en menos de dous meses xa perde o idioma".