A vicepresidenta e responsable da área de Lingua da Deputación, Goretti Sanmartín, destacou que estas xornadas enmárcanse na "necesidade de falar da memoria da lingua para reactivar falantes". A deputada destacou que coa sesión de onte se trataba de incidir no tema "da transmisión familiar, desde unha perspectiva histórica e tamén psicolóxica, desde a óptica do trauma, para saber por que se producen determinadas conductas lingüísticas e tomar leccións para o futuro", ante a alarmante perda de galegofalantes.

Na sesión indagouse no xeito violento no que os pobos abandonan a súa lingua e como as xeracións posteriores herdan o trauma. Unha psiquiatra, Iria Veiga, que traballa no hospital da Barbanza, falou tamén da "inexistencia" de políticas de fomento do galego no eido da medicina.

A de onte foi a segunda xornada dentro deste ciclo de Malas Linguas. A primeira celebrouse o pasado 23 de outubro en Mariñán, baixo o título Lingua, discurso e políticas públicas. As dúas seguintes serán o 1 de marzo de 2019 en Compostela, sobre a lingua na infancia e na mocidade, e de novo as consecuencias da non transmisión familiar do idioma; e o 12 de abril na Coruña sobre Lingua e Xéneros.