Os grupos municipais socialistas da provincia da Coruña presentarán unha moción nos plenos de todos os concellos na que demandarán á Xunta "un reparto xusto dos fondos destinados ás entidades locais así como regular mediante unha lei autonómica consensuada coa Fegamp, o financiamento dos concellos galegos".

O PSOE provincial esixe "criterios obxectivos na asignación e no reparto dos fondos dirixidos aos concellos, como xa se fai dende o goberno socialista da Deputación". Afirma que é "fundamental" que a Xunta do PP "poña fin á discrecionalidade e ao reparto partidista".

En todos os municipios se presentará a mesma moción porque os concellos son "a administración máis próxima á cidadanía", ademais de ser as menos endebedadas pero asumen competencias impropias.

O partido sinala que cada concello ten as súas circunstancias e prioridades e deberían contar cun "financiamento axeitado", onde se lles permita "decidir en que se invisten os fondos" e non depender dun reparto de fondos discrecionais.