O pleno da Corporación provincial da Deputación aprobou onte por unanimidade reclamar ao Goberno do Estado que cumpra o compromiso de licitar dúas obras incluidas nos orzamentos xerais de 2018 e que son fundamentais para mellorar os accesos á cidade da Coruña e que ademais contribuirían ao avance económico da comarca: a ampliación da avenida Alfonso Molina (a AC-11), para a que hai tres millóns de euros consignados; e o soterramento do tráfico da AC-12 (antes Nacional VI) no cruce de Sol y Mar en Perillo para executar unha rotonda con túnel, obra que conta con catro millóns como asignación inicial no orzamento estatal.

O acordo tamén inclúe reclamar ao Estado que consigne no orzamento de 2019 as partidas necesarias para completar estas dúas obras e rematalas, incluindo a ampliación da ponte de A Pasaxe, "informando aos concellos afectados de todo o proceso".

O voceiro de Alternativa dos Veciños, o alcalde oleirense Ángel García Seoane, destacou na sesión que hai anos que esta comarca está "abandonada" por parte dos gobernos centrais e estas obras son "cruciais para o futuro" desta área metropolitana.

As centrais térmicas de As Pontes e Meirama foron fonte de discordia no pleno de onte, que fixo que se aprobase una moción do PSOE e outra do PP cun contido case semellante, o de reclamar que se manteña a actividade nestas centrais. A diferenza foi na frase "compromiso orzamentario" que incluironos populares na súa proposta, xa que o PSOE sinalou que a Unión Europea e o Estado prohíben dar axudas a estas empresas enerxéticas. A moción do PSOE apoiárona todas as forzas menos o PP, e a dos populares contou co apoio de BNG e Alternativa, a abstención de Marea e Compostela Aberta e a oposición do PSOE.

O pleno provincial tamén aprobou unha declaración institucional para instar ao Goberno do Estado a incrementar fondos destinados a cumprir o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero e tamén a crear unha unidade de violencia machista en Galicia.

Na sesión de onte acordouse crear novos espazos de traballo colaborativo ou coworking, similares ao do Pazo de Arenaza en Oleiros, e que se abrirán nos concellos de Carballo, Brión e Boiro.