A asemblea do BNG de Betanzos elixiu onte por unanimidade a Henrique del Río como cabeza de lista para as próximas eleccións municipais de maio de 2019. Será a terceira vez que del Río figure de número un da candidatura nacionalistas tras os comicios de 2011 e 2007.

Nun acto que incluiu unha cea no Matadeiro, no barrio da Ribeira (con asistencia de militantes e simpatizantes de toda a comarca xunto con candidatos doutros concellos e Néstor Rego, membro da executiva nacional do Bloque), renovouse o primeiro tramo da candidatura, na que só repite María Bonome, que xa foi número catro nas pasadas eleccións. Con Henrique del Río estará Amelia Sánchez e Vanesa Rey, ademais de Salvador González e María Bonome.

O candidato destacou que hai que asumir canto antes que "o que fai única a esta cidade é o patrimonio, que é a locomotora que ten que tirar do progreso en Betanzos". Henrique del Río tamén suliñou que nestes últimos catro anos os "únicos cambios, o único positivo" para os veciños "veu das propostas do BNG", e lembra a supresión da ORA ou a paralización do paseo cementado no único tramo virxe do Mandeo.

Engadiu que o modelo que defende o Bloque aposta "polos servicios públicos de calidade, dar marcha atrás nas privatizacións onde sexa posible".