República orixinariamente significa cousa pública. E a parroquia de Nós pode presumir non só de ter defendido sempre o público, o ben común, senon de construílo coas súas propias mans. Así fixeron nacer a primera Casa do Pobo de Nós. Tamén poden presumir da dignidade de non esquecer nunca aos que xa non están, víctimas da brutal represión franquista neste lugar no que agromaron tantas asociacións, sindicatos e grupos anarquistas e republicanos. Onte xuntáronse os veciños para lembrar estas dúas cousas e poñer de forma simbólica unha plaquiña feita a man na praza da Liberdade, para lembrar a fermosa historia da Casa do Pobo e homenaxear aos que o fixeron posible, nun acto organizado polo BNG de Oleiros.

A Casa do Pobo de Nós naceu dúas veces. Dende a Unión Campesina República de Nós en 1932 acordouse mercar un terreo de 216 metros cadrados por 500 pesetas para construir un local social. Os asociados pagaron un suplemento de dúas pesetas e cincoenta céntimos para facer a compra. Entre os promotores da iniciativa estaba Xaquín Taboada Díaz, xardiñeiro nas Casas Bailly. Cando xa tiñan levantadas as catro paredes estalou o golpe de Estado, a ditadura incautouse do terreo e os veciños foron fortemente represaliados. Xaquín foi fusilado en 1937. Ata as monxas intercederon por el pero había xente coma Ponte que non lle perdoaron que organizara unha cooperativa de compra de sementes á marxe de intermediarios coma el.

Durante corenta anos a veciñanza viu aquel esqueleto, aquelas paredes sen acabar que se foron arruinando e enchéndose de silvas a matogueira. Ata que o sobriño de Xaquín, Manuel Taboada Marzoa, dixo basta. En 1977, xunto a un grupo de veciños, decidiron cumprir o vello sono e reiniciar as obras da Casa do Pobo, ao mesmo tempo que se constituía a Asociación Veciñal Os Rueiros de Nós, con Manuel Taboada de primeiro presidente. Fíxose unha toma de posesión que incluíu mexilloada e a actuación dun grupo folclórico.

"Eu vivín quince anos en Suiza e alí vin que ata os pobos máis pequenos tiñan uns equipamentos boísimos, e aquí nada. E ao volver, ver ano tras ano este esqueleto... Coa morte de Franco pensei en retomar o proxecto, aínda que a xente maior se asustaba. Pero a policía xa deixara de pegar, non sabían se iban a gañar os outros, Suárez xa estaba no aire... E aproveitamos. A obra financiouse co que recaudamos das festas, rifas, partidos de fútbol. Xente que nos dou sacos de cementos, outros que traballaron eles mesmos", explica Manuel Taboada.

O que iniciara a Unión Campesina Republicana no 32 retomouse no 77 coa Asociación Os Rueiros, sen axuda de gobernos nin institucións. A Casa do Pobo terminou de construirse en 1981 e no 93 cedeuse ao Concello. Nesa espacio reuníanse e facían actividades os veciños, había biblioteca, e funcionou un consultorio médico ata que abriu o de Oleiros en 2010, e o espacio baleiro destinouse a biblioteca. Contaba tamén con escola, para infantil, ata que abriu o colexio de Nós no 2016 e ese espazo se destinou á terceira idade. Hoxe conta tamén con cafetería.

Nesta Casa do Pobo ensaian os sábados os membros de Os Rueiriños, o primeiro grupo folclórico de Oleiros (tamén Nós, de novo, pioneiros), e onte tocaban na praza da Liberdade mentres un pouco máis abaixo un grupo de veciños, antigos e actuais directivos da asociación e ata o primeiro mestre de Os Rueiriños, Xosé Taboada Durán, lembraban o traballo polo ben común que se fixo antes e despois da ditadura, nos tempos de Xaquín e nos de Manuel. Porque a boa xente nunca morre.

"Cada vez que vimos a Nós, recuperamos a memoria. Aquel soño de Xaquín tivo final feliz", sinalou o voceiro municipal do BNG, Fran Rei. No acto, ao que asistiu o arquitecto e exalcalde oleirense Xosé Lois Martínez, Miro Casabella, que diseñou a Praza da Liberdade, cantou O Meu País.

Nós dou ao mundo xente libre e chea de conciencia social e tamén grandes talentos artísticos coma Xosé Chas e Xulio Dans. Este último en 1998 sinalou nun acto que a xente aínda non aprendeu a lección de Xaquín Taboada, a de respetar as crenzas dos demais para que "cada quen poida vivir como lle pete".