O Concello de Arteixo repartirá 6.100 euros en premios na edición deste ano do certame de narracións breves Manuel Murguía. A esta vixésimo oitava edición poden concorrer todos os autores que o desexen cunha única obra, de temática libre e escrita en lingua galega. Á edición de 2018 presentáronse 63 relatos dos que resultou vencedor Bochorno, de Charo Pita.

O gañador levará un premio de 4.000 euros, o segundo posto está dotado con 1.500 euros e o terceiro con 600. Todos os premios están suxeitos ás correspondentes retencións.

Os relatos, de entre 15 e 30 páxinas, deben ser orixinais e inéditos. Deberán ser enviados con pseudónimo e só contendo os datos persoais nun sobre pechado. Os participantes deberán enviar os seus traballos antes do 15 de febreiro. Os interesados en obter máis información deberán chamar ao número de teléfono 981 659 100, do centro cívico cultural, ou escribir ao correo cultura@arteixo.org.