"Hai un halo de confianza. Coñecémonos todos. Somos parte dunha pequena comunidade educativa, e iso en colexios grandes non pasa", asegura a responsable do CEIP de Tabeaio, Carmen Fernández. O colexio, que funciona ao estilo dunha unitaria e conta con dúas unidades e 29 alumnos en total, cada curso ten que deixar fóra algún neno xa que a demanda supera a capacidade do centro.

Esta pequena escola coexiste no concello de Carral co colexio máis grande, o Vicente Otero Valcarcel, ubicado á entrada da capital municipal indo dende A Coruña. Pero ata as aulas de Tabeaio chegan nenos de Carral, Oleiros, Culleredo, Cerceda ou Abegondo. "É xente que busca un colexio pequeno", apunta Fernández.

As vantaxes dun colexio coma este son, sobre todo, a "cercanía" e a "implicación" de docentes, nenos e familias. "Eu deixo entrar na aula, as familias son todas respectuosas", asegura a responsable. Engade que os pais colaboran moito en todo. "Presentámonos a un plan da Xunta para mellorar as bibliotecas pero quedamos fóra por número de alumnos. Déronnos una pequena dotación e mercamos uns mobles de Ikea e conseguimos outro do Concello, e montamos unha biblioteca na vivenda da antiga mestra. A xente implícase moito", conta.

Traballar xuntos e compartir forman parte da educación ao predicar co exemplo os maiores. "Hai unha ANPA (asociación de nais e pais de alumnos) á que pertencen todas as familias e con 50 euros ao ano cada unha fan actividades extraescolares e compran material escolar. Aquí non hai libros, a ANPA compra o material e todo é colectivo; os rotuladores son de todos", explica.

Este centro a medio camiño entre colexio ao uso e unitaria divídese en dúas unidades: unha con nenos de Infantil, de tres a cinco anos; e outra con alumnos de primeiro e segundo curso de Primaria. Conta con dúas titoras e dous especialistas, os de Inglés e Relixión. Sen embargo, non imparten clases no centro mestres especializados en Educación Física e Música, materias que teñen que cubrir as dúas titoras, un dos contratempos de formarse nun centro pequeno. "Pedimos estes dous especialistas, pero o inspector díxonos que dende arriba lle dixeron que non pode ser e que hai máis centros así", conta Fernández. A falta de sustitutos cando unha das titoras está de baixa é outro dos problemas, como ocorreu nos últimos días. "Cando hai unha baixa, temos que chamar aos especialistas para que cubran esas horas, e para vir aquí eles teñen que deixar de ir dar clases a outros centros", explica.

Aínda coas dificultades e a carga engadida de traballo que supón para Fernández dirixir este centro, polo que non suma puntos como directora ao non chegar ás tres unidades, defende o valor das unitarias: "Aínda que se traballa moito, é unha pena que se vaian perdendo polo que se implica a xente".