En Galicia hoxe en día só quedan dez rodais selectos de carballo autóctono, e ningún na provincia da Coruña. Foron desaparecendo pola súa antigüidade, por outros traídos de fóra, e sobre todo pola plantación de especies máis rendibles coma o eucalipto. Un proxecto da Fundación Juana de Vega en Oleiros e a Consellería de Medio Rural vaille poñer fin a esta carencia: na comarca coruñesa vanse plantar carballos froito da mellora xenética, nados de landras recollidas das árbores destes rodais selectos. Onte fíxose entrega de 300 plantas destes carballos con ADN galego a seis entidades: a comunidade de montes veciñais de Monte Xalo (Carral) e a Fundación Fragas do Mandeo, ademais da Fundación Eduardo Pondal en Pontececso, a Sociedade Galega de Historia Natural, a comunidade de montes de Teis (Vigo) e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego. Cada unha delas leva cincuenta exemplares.

"Imos plantalos na zona da Espenuca, baixo a capela, e tamén na beira do río Mendo", contou o presidente de Fragas do Mandeo, Fernando Bandín. Esta entidade ten a finalidade de preservar a biodiversidade na comarca coruñesa das mariñas e compra fincas de interese ambiental, organiza xornadas de limpeza de ríos e eliminación de plantas invasoras, entre outros.

O presidente da comunidade de montes veciñais do Monte Xalo, Xosé Antonio Barbeito, explicou que os seus cincuenta exemplares de carballo selecto serán plantados en poucos días na zona máis elevada a chan do monte, preto do nacemento do Anllóns. Este colectivo leva tempo facendo unha labor de repoboación con árbores autóctonas, coma a que realizou hai pouco con case 900 plantas nunha ladeira do Xalo, despois de cortarlle os eucaliptos. Plantaron carballos, castiñeiros, aveleiras, bidueiros e cerdeiras.

A comunidade do Xalo tamén plantou hai catro anos un carballo fillo do avó de Cartelos (municipio de Carballedo), do que se dí que é o exemplar máis antigo de Galicia, con dous mil anos. "En só catro anos xa ten case seis metros de alto", dixo Barbeito.

Outros cincuenta carballos selectos van para plantar na zona da aldea de O Couto e na senda do malecón de Ponteceso. "A principios de marzo faremos un acto onde os nenos plantarán un cada un e faremos un recital de poesía", sinalou o xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela.

Estas plantacións na comarca, aínda que lles levará uns anos conformar unha boa carballeira, serán tamén no futuro rodais selectos.

O director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, Enrique Martínez, explicou no acto de onte en Oleiros como se fixo todo o proceso, dende que en 2015 se recolleron landras nos rodais selectos catalogados e se sementaron en dous viveiros (Rías Baixas e Abadín), ata que en 2016 se plantaron en catro parcelas públicas onde se lles fixo o coidado e seguemento, lonxe doutros carballos cos que puidesen polinizar. Viron que os plantados en Santa Comba foron os que mellor creceron.

Martínez subliñou que cada planta ten garantida a trazabilidade, cunha etiqueta coa súa orixe. Sinalou ademais que ao final deste proxecto outras entidades coma Paideia interesáronse polo traballo xa que fan labor tamén de cultivo in vitro co fin de acelerar o crecemento da planta, e nesta dirección vaise traballar no futuro.

Non só se sacaron estas 300 plantas, hai outras 3.615 froito desta investigación, en parcelas públicas, que "garanten a conservación das castes autóctonas" e que funcionarán como "reserva xenética", segundo contaron desde a Consellería de Medio Rural.