Cando chegue este verán miles de veciños e visitantes pasearán polo peirao, subirán polo murete, poñeránse a pescar, os nenos xogarán entre as pedras... sen fixarse nas pedras caídas, os cachos de cemento agretados, as pezas cheas de ferruxe, os adoquíns do firme que se afunden. "Está foco por debaixo, como estaba o porto de Santa Cruz que se afundiu hai uns anos tragando un camión. Se se afunde, vai un dentro. Hai que restauralo", reclamou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, quen reclamou a Portos da Xunta o arranxo desta estrutura que ten máis de cen anos, durante os que nunca lle fixeron ningún amaño, máis que o obrigado de marzo de 2014, cando as ondas dun forte temporal abriron un gran burato na base. Tamén o PSOE en varios plenos reclamou a mellora desta estrutura.

O peirao de Mera pertencía á fábrica de ladrillo e tellas que existía a poucos metros, alí embarcaban as pezas fabricadas en barcos. A dona cando pechou cediuno ao pobo. Nos anos oitenta proxectouse amplialo e en 2010 a Cofradía de Pescadores reivindicou de novo a ampliación para descargar o peixe sen ter que ir a Lorbé ou A Coruña, despois de que a Xunta lle concedera a descarga no peirao meracho. A Xunta prometeu estudar a petición pero non se fixo tampouco. Ao non ser un porto de descarga, ninguén lle fai caso e o deterioro é cada vez máis evidente.