O Concello de Oleiros quere expresar o seu profundo pesar polo falecemento de Esther Pita Pita, alcaldesa de Oleiros entre os anos 1996 e 2003 e concelleira municipal desde o ano 1979 ata o 2003. Esther Pita era actualmente presidenta de honra de Alternativa dos Veciños e foi un exemplo de loita continua polo benestar da comunidade durante toda a súa vida, tanto desde a política como desde o movemento veciñal.

Xunto co alcalde Ángel García Seoane, Esther Pita fundou a Alternativa dos Veciños. Sempre foi unha muller especialmente preocupada polas persoas maiores e desde a concellería de Servizos Sociais desenvolveu un traballo moi importante, que aínda perdura e que é unha referencia máis alá de Oleiros. Ocupou a alcaldía entre os anos 1996 e 2003, cando Ángel García Seoane foi inhabilitado polas pedras da praia de Santa Cristina.

Esther Pita Pita tamén liderou o movemento veciñal en Santa Cruz, creando a Asociación de Veciños. O seu compromiso co seu pobo sempre foi total e contribuíu dunha maneira extraordinaria ao progreso do municipio en todos os ámbitos.

O exemplo de Esther, que dedicou a súa vida a traballar polos demais, foi merecedor de outorgarlle o seu nome á praza situada no centro de Santa Cruz, que foi inaugurada nun acto multitudinario no ano 2013, no que o pobo de Oleiros amosou o inmenso cariño que sentía por esta muller.

O teu ímpetu e a túa fidelidade contribuíron a este Oleiros que hoxe disfrutamos.