A Asociación Sementeira de Cambre cumpriu o ano pasado trinta anos de ensino musical a milleiros de nenos e adultos pero pode que non cumpra ningún máis debido a súa grave situación económica. Non tanto polos cartos senón pola demora no seu cobro, que levou á xunta directiva a pedir préstamos ao banco, avalándoos eles persoalmente para garantir a supervivencia desta entidade sen ánimo de lucro referente na comarca e que actualmente conta con 210 alumnos nas súas escolas de música.

A semana pasada a asociación recibiu do Concello unha parte pendente da axuda do ano 2017, uns 6.000 euros, e o próximo mes de marzo xa lles confirmaron que cobrarán o de 2018, uns 30.000 euros.

"O Goberno viu que a situación non era sostible e subiunos a subvención para este año 2019 de 42.000 a 63.000 euros. Antes desta lexislatura recibíamos 55.000. Pero o problema non é ese. Se os 63.000 euros os cobramos a final de ano, seguiremos endeudados. O problema é que temos trece profesores con nómina e Seguridade Social aos que hai que pagarlles cada mes, vamos arrastrando demoras que poñen en perigo a continuidade. Chegamos a deber 25.000 euros. Pedimos prestado a bancos e a particulares. O que cobremos en marzo, o de 2018, xa está todo gastado, será para pagar o que debemos, e volveremos estar na mesma, darános para chegar ata abril", explicou o presidente da asociación, Marcelino Fernández.

A directiva tivo onte mesmo unha reunión urxente, despois do ensaio, para falar da crítica situación, á que asistiu o concelleiro de Cultura Daniel Carballada. "Está dacordo con nós, pero respecto aos prazos de cobro non saben como solucionalo. É un problema de papeleo, ao final", indicou Fernández.

Asemblea Cidadá de Cambre (ACdC) vai presentar no pleno do próximo xoves unha moción urxente para tentar solucionar esta situación grave da entidade que pode supoñer o peche da escola de música.

ACdC sinala que está nunha situación crítica que se arrastra dende hai anos polos retrasos nos pagos das subvencións municipais e xenera preocupación e inseguridade na asociación.

Ante esta situación ACdC propón que o pleno acorde unha medida: acollerse a un precepto legal que permite que unha asociación poida percibir un anticipo da subvención que lle corresponde anualmente, previo á xustificación, "sempre que se xustifique que é necesario para poder levar a cabo as súas actuacións".

O Goberno local, nun comunicado enviado onte, afirma que xa recoñecu públicamente o retraso no abono dos convenios de 2017 e 2018 pero vai aumentar a partida para 2019 ata 63.000 euros, o importe "máis alto da historia da entidade". O Executivo cambrés tamén critica que ACdC estivese case catros anos sen presentar ningunha iniciativa sobre Sementeira e presente agora esta moción a tres meses das eleccións e a anuncie "o mesmo día que o concelleiro de Cultura celebraba unha xuntanza" coa entidade.

Afirma que a proposta deste partido para solucionar o problema "é algo que xa se ten plantexado hai meses" pero o interventor municipal manifestou que "non se poden adiantar cartos públicos sen xustificación previa salvo que haxa un aval bancario que cubra a totalidade do importe adiantado", para non producirse "casos coma o do Festival Brincadeira".

Sementeira vería con bos ollos a conversión da entidade nunha escola municipal, que solucionaría o problema económico. É algo do que se ven falando pero que aínda non se encarrilou.

Esta escola de música naceu en 1978 nas parroquias de Altamira e Anceis para ensinar gaita e baile galego. Despois xurdiu o grupo de baile e o de gaitas, e hoxe ofertan música e movemento, linguaxe musical, guitarra, piano, clarinete, saxofón, trompeta, trombón, tuba ou percusión.

En 1986 presentaron oficialmente a Banda de Música. O próximo 14 de abril a banda participa no XIII Certame Internacional de Bandas de Música en Tarragona, e para poder costear os gastos de desplazamento, hotel e manutención, farán un sorteo duante o concerto de fin de curso no que rifan un patinete eléctrico e un cheque de cen euros. Así tentan sobrevivir.