Amencía o Día de Rosalía cando Oleiros perdía a outra desas mulleres que cambian o mundo porque rebordan enerxía e paixón para pelexar polo xusto, mellorar a vida do seu pobo, organizar festas, organizar veciños... Esther Pita Pita faleceu na madrugada do sábado ao domingo aos 74 anosEsther Pita Pita despois de ser a primeira alcaldesa da comarca tras da coruñesa Berta Tapia, rexedora do seu concello entre 1996 e 2003, cofundadora de asociacións veciñais e tamén do primeiro partido independente que conserva o poder despois de case corenta anos, Alternativa dos Veciños. Hoxe ás oito da mañá o seu corpo será cinza, mais unha cinza que alampea e que ás seis da tarde chegará á terra do cemiterio parroquial de Liáns.

"O teu ímpetu e a túa fidelidade contribuíron a este Oleiros que hoxe disfrutamos", puxo o alcalde Ángel García Seoane no seu perfil de Facebook. O Concello nun comunicado expresou o seu fondo "pesar" pola perda deste "exemplo de loita continua polo benestar da comunidade" tanto dende a política como dende o movemento veciñal. O Executivo destacou o seu "compromiso total" co pobo e a súa contribución ao progreso do municipio.

O partido Alternativa dos Veciños subliñou a "humanidade" que a caracterizaba e resaltou que foi "unha precursora, unha feminista convencida", especialmente preocupada polos maiores e a educación. O BNG oleirense tamén quixo manifestar a "pegada imborrable" desta "histórica activista veciñal".

Esther Pita era a primeira nas festas e a primeira no traballo. Gustaba da alegría tanto como de darlle vida ao seu pobo. Xenerosidade e bondade son os adxetivos que máis repetían onte os que a lembraban. Esta oleirense tivo que deixar o seu traballo para facerse cargo do negocio da familia ao enfermar sua nai. E a mediados dos anos setenta comezou todo.

"Un día organizouse unha reunión de veciños para falar de traer a auga a Santa Cruz e fun. Era a única muller. Sentouse ao meu lado un rapaz de melena, patillas e bigote longo e chaqueta de cadros, que me animou a preguntar. Era Gelo. Fíxose unha xestora para pedir cousas ao Concello, e fun nela con Gelo, a única muller. Despois naceu a candidatura dos Veciños".

Así contaba Pita neste xornal como coñecera ao actual rexedor, ao que uniu sempre unha relación filial. Os dous cofundaron o partido veciñal, do que seguía sendo a presidenta de honra.

Formou parte da primeira corporación democrática en 1979 e dirixiu as áreas de Servizos Sociais ou Cultura ata que en 1996 a xustiza inhabilitou seis anos a García Seoane por retirar un muro da praia de Santa Cruz e ela ocupou a Alcaldía ata 2003, cando abandonou a política.

O Concello homenaxeou dúas veces nos últimos anos a esta madriña do Santa Cruz e socia número 4 do equipo: en 2011 cando colgou un retrato oficial dela no salón de plenos e en 2013 cando lle deu o seu nome á praza máis céntrica do núcleo de Santa Cruz, que un día fora a eira de Alonso onde se facía a malla, preto de onde ela xogaba. "Non é a praza de Esther Pita, é a praza das mulleres traballadoras", declarou entón.

Hai dous anos Esther Pita donou ao Concello de Oleiros, para que fosen destinados a parque público, dous terreos da súa propiedade, un de 6.650 metros cadrados de extensión situado preto de Lamastelle e outro de 470 metros cadrados que está ao lado do colexio Isidro Parga Pondal de Santa Cruz, que se creou gracias a que ela e outros veciños non dubidaron en tomar o edificio abandonado e arranxalo coas súas mans os fins de semana.