O candidato de Alternativa dos Veciños en Arteixo é Antonio Patiño, un veciño de Morás que intentou ser candidato á Alcaldía polo PSOE en dúas ocasións.

- Por que volve á política despois de tantos anos?

-Unhas persoas que coñecía veñen e dinme se quero participar outra vez na vida activa política. Pregunto polo seu proxecto e ao final aceptei e involucreime.

- Tivo que meditar moito a decisión tras tantos anos lonxe da primeira liña política?

-Custoume tomar a decisión porque pensaba que xa debía dar paso a outra xeración.

- Que lle fixo cambiar de idea?

-O que me fixo cambiar de idea foi ver algunhas desfeitas de como se está gobernando este concello.

- Por exemplo?

-Non ter un plan de urbanismo. A carencia de moitas cousas, como cando nos montan o polígono de Morás e o porto da Coruña e non informan aos veciños. Estos proxectos hai que planificalos.

- Intentou ser candidato á Alcaldía polo PSOE en 1987 e en 2003 tamén. Como acaba en Alternativa dos Veciños?

-A miña vinculación ao PSOE foi do ano 82 ao 87. A raíz de que agrupación de Arteixo me elixe a min co 90% dos votos, a executiva galega toma a decisión de deixarme fóra. Decidín marchar. En 2003, a executiva galega, que antes dixera que non, me di para ser candidato. Recibín a noticia e aceptei.

- E agora volve con Alternativa.

-Alternativa loita para que todos os cidadáns teñan calidade de vida e un benestar social. Vin o proxecto e a calidade de vida dos oleirenses e aceptei o reto.

- Cal é o seu proxecto?

-Alternativa dos Veciños en Arteixo preséntase ás eleccións para gañar. Se chegamos á Alcaldía, defenderemos sempre o interés xeral. Comprometémonos a facer unha xestión máis transparente e eficaz.

- Cal é o asunto máis urxente que atendería se gaña?

-Para min o máis fundamental sería a aprobación do plan xeral de urbanismo. Eso sería a carta magna que debería rexir o futuro deste concello.