O BNG de Arteixo terá un novo candidato á Alcaldía nas próximas eleccións municipais de maio. Esta responsabilidade recae en Xurxo Couto, que releva a Silvia Seixas. Así o anunciou esta semana a formación nacionalista.

Con que forzas chega para liderar a candidatura do BNG en Arteixo?

Atópome con forzas e ilusión. É unha etapa nova. Evidentemente a cousa está moi cambiante. Muda facilmente e rapidamente. É un mundo por explorar e a nivel municipal a cousa está moi no aire. Si que me atopo con forzas e con moita ilusión.

Que expectativas ten de cara ás eleccións municipais do mes de maio?

Isto é como no fútbol. Hai que ir partido a partido. Non hai que pensar en cantos concelleiros vas a quitar. Nin tres, nin doce nin vinte. Hai que ir traballando o máximo posible e co maior sentido común, mirando o que necesita a poboación de Arteixo.

Como califica o traballo que fixo o BNG de Arteixo nestes últimos catro anos?

Moitas veces o noso traballo é baldío e non se ve. O traballo foi diario e constante. O que pasa é que tivemos o rodillo do PP. Temos un exemplo neste último pleno de aprobación definitiva do orzamento. Falou toda a oposición do que queríamos. Nós alegamos o que criamos oportuno para mellorar os orzamentos. Que fixo o PP? Nin contestou ás nosas alegacións e nin respondeu no pleno. Esa é a actitude. Eles fan o que consideran oportuno e pasan da oposición.

Iso non é frustrante?

É frustrante e é unha falta de respecto. Nós fomos escollidos por moita xente. Tivemos case 2.000 votos. É unha falta de respecto para esa xente. O PP di que goberna para todos en Arteixo, pero iso non é certo.

Por que esperaron tanto para presentar o cabeza de lista para as municipais?

Sabemos que son uns tempos moi cambiantes. Ademais viñeron unhas xerais e iso trastocou os plans que tiñamos a nivel de organización. Houbo que poñer a maquinaria das xerais. De todas maneiras, non penso que nos retrasáramos moito. Noutras ocasións presentamos a candidatura a mediados ou final de abril.

Pois o PP o fixo a finais de verán e o PSOE en outono

Os outros partidos son os outros partidos. Nós non nos movemos polo que fan os outros partidos. Nós sempre cos nosos principios e ideas.

Cal sería o asunto máis urxente que abordaría se chega a gobernar este concello?

A planificación do concello. É inadmisible que se estén poñendo parches continuamente.

Fala de urbanismo?

Falo de todo. Se queremos falar de urbanismo, Arteixo réxese por unhas normas de 1995. O que queremos é un proxecto con maiúsculas para Arteixo. Non´é unha obra en concreto, simplemente é planificar o concello. Estamos falando de urbanismo, pero como de calquer outro departamento. O que fai este Goberno é poñer parches sen ningún tipo de planificación.

Que nota lle da á xestión do Goberno local neste mandato?

Un suspenso, pero ben suspendido. A xente pode ter a percepción de que se fan cousas, pero nos últimos meses vimos cal é a xestión do Partido Popular de Calvelo. O tema do lixo está fatal. Non temos os colectores axeitadas nin os hai en todas as parroquias. O luns pasei polo punto limpo e máis que un punto limpo parece un punto sucio. O tema do lixo é o exemplo da xestión do Partido Popular. Ademais, quixeron marchar eles e non deron a batalla por mellorar o servizo. O tema da auga é outro. Tapando buratos. A zona norte practicamente ten un auga de mala calidade. De vez en cando en Vilarrodís sae auga negra pola billa. Todo isto é falta de planificación e proxecto.

Con quen estaría disposto a pactar o BNG ou hai algunha liña vermella?

Aínda non están case nin convocadas as eleccións. Hai que ir partido a partido. Non vamos falar diso.

Nin sequera descarta o PP?

Evidentemente, co PP temos unhas diferenzas abismais. Poderíamolo descartar e tamén a Vox. Isto é unha brincadeira máis que outra cousa.