O pavillón do Cenador acolleu onte a presentación do proxecto para Cambre do BNG. O acto contou coa presenza da líder da formación, Ana Pontón. "O Bloque en Cambre vai a por todas, imos desputar a Alcaldía", afirmou a voceira nacional.

O BNG quixo facer unha demostración de forza coa presentación de Dani Carballada e Brais Cubeiro como "tándem electoral" no pavillón, que polas súas dimensións nunca fora utilizado pola organización. Os edís de Cutura e o de Deportes repiten nos postos un e dous na candidatura, que levará no peche a independiente e histórica concelleira de Esquerda de Galicia-Os Verdes Marité Prieto. Nieves Louro, Ana Fragoso ou Rodrigo Rodríguez Seoane son outras das persoas que formarán parte da candidatura.

O BNG presentará nos próximos días novos nomes para o "equipo da casa". Carballada e Cubeiro reivindicaron onte a súa acción de goberno, destacando unha "programación cultural e deportiva que medrou expoñencialmente en cantidade e calidade". "Queremos un cambio de verdade, non un punto e seguido. Queremos pasar páxina, hai unha xeración que pedimos para escribir nós mesmos un novo capítulo na historia de Cambre, construíndo un concello máis aberto, social, democrático e eficaz, para o que precisamos poñer a Dani de alcalde", afirmou Brais Cubeiro.