O xurado do certame de narracións breves Manuel Murguía que organiza o Concello de Arteixo seleccionou os finalistas, que este ano son Daniel Barral Calvo (por A Casa das Castrouteiro), Francisco Rozados Rivas (por Crónica de ningures) e Tito Pérez Pérez (por A idade do escarnio). O Concello dará a coñecer os gañadores este xoves nunha gala que se celebrará no auditorio do centro cívico de Arteixo ás 20.00 horas. Os galardóns estarán dotados con 4.000 euros para o primeiro posto, 1.500 para o segundo e 600 para o terceiro, segundo informa o Concello.

No acto de entrega haberá actuacións de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, que amenizarán a cerimonia. Rematado o acto de entrega dos premios, que incluirá unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado no próximo Día das Letras, ofrecerase un viño de honra.