Un grupo de alumnos do colexio plurilingüe Virxe da Cela que está en Monfero pero que tamén acolle a alumnos de Irixoa, estivo onte no Parlamento de Galicia xunto con estudantes doutros catro centros educativos galegos (o Xelmírez I de Compostela, o instituto Vilalonga de Sanxenxo, o Apóstol Santiago de Vigo e o Miralba en Vigo), para manter un encontro con parlamentarios no pazo do Hórreo e solicitar o apoio das administracións públicas na defensa da educación, dentro da Campaña Mundial pola Educación en Galicia, que hai dous anos xa os levou tamén ao Congreso dos Deputados.

Nesta ocasión os escolares galegos leron un manifesto ante os políticos no que lembraron que "a educación é a mellor ferramenta para formar a unha cidadanía consciente das causas e as consecuencias do cambio climático e de dotala dos coñecementos, competencias e actitudes necesarias para buscar solucións". Os estudantes solicitaron que as leis educativas inclúan horas, dentro do currículo escolar galego, dedicadas a este tema.

Unha das alumnas do Virxe da Cela, Andrea Morás, fixo de voceira e solicitoulle aos parlamentarios a necesidade de "fomentar o pensamento crítico cara o mundo que queremos e sobre todo un cambio de actitudes". Engadiu que é preciso un "futuro sostible local e global", no que o que aprendan na escola sexa parte desa realidade sostible e apostando polo respecto polo medio ambiente.

"Trátase de que o que facemos e aprendemos na escola sexa parte dunha realidade sostible que debemos ser de construír. Falamos de coñecemento e de respecto polo medio ambiente e falamos tamén de actitudes e valores, de intercambios e de participación e tamén de xestión efectiva no coidado medioambiental", sinalou a directora do centro educativo Virxe da Cela, Camino Pereiro.

Os rapaces sinalaron que nos seus centros xa están tomando algunhas medidas para fomentar o respecto polo medio ambiente.

A Campaña Mundial pola Educación é unha coalición internacional creada en 2000 e integrada por ONG, sindicatos do entorno educativo, centros escolares e movementos sociais de diversos signos, que se moven para pedir o cumprimento íntegro dos compromisos internacionais no dereito ao acceso á educación para todos os nenos. As organizacións galegas que forman parte desta Campaña Mundial pola Educación son a Fundación Taller de Solidariedade, Fundación Entreculturas, Fundación Educación e Cooperación (Educo) e a Fundación Axuda en Acción.

Por parte do Parlamento, o seu presidente, Miguel Santalices, deulle a réplica aos estudantes asegurandolles que tomaba nota das súas peticións e engadiu que tentaría levar adiante algunha delas.

O colexio Virxe da Cela logrou en 2009 o I Premio Nacional de Educación para el Desarrollo Vicente Ferrer polo seu proxecto Monfero Solidario, que seguen desenvolvendo, con accións para difundir os valores de axuda aos máis necesitados. Tamén participa no Plan Proxecta Paisaxe e Sustentabilidade da Xunta.