"Metín ao raposo no galiñeiro", conclúe Mouriño unhas horas despois da entrevista, en relación á vitoria de Alternativa dos Veciños, encabezada por Javier Gestal, funcionario do Concello ao que lle deu "toda a confianza do mundo" e que, asegura, "deixouse seducir por García Seoane e meteuse a facer política sen ser político". Lembra "conseguir o instituto a tempo" como unha das maiores satisfaccións, á que suma o aumento de poboación por ofrecer servizos como a gardería, o ximnasio, a Casa da Xuventude, o campo da feira ou o bo asfaltado. "O 5 de setembro... o rally", foi o peor momento de quen confía en volver ser alcalde e asegura que vai "estar aí" para apoiar "o que sexa bo para Carral".

Esperaba estes resultados?

Aproximadamente. Si esperaba ser a candidatura máis votada.

Que pasou para non selo?

Home, non sei o que pasou. Por un lado, as siglas do partido non son agora mesmo as que máis axudan. Por outro lado, levo 16 anos, nalgunha cousa ao mellor non acertei. E por outro lado, a novidade por parte dun señor funcionario que traballa no Concello de Carral e que é un pouco a persona á que máis veñen visitar os veciños, á que máis coñecen, e causou certa ilusión, digamos.

Que vai facer agora?

Eu agora unha vez que marche de aquí teño que ir á Coruña (ri).

Vai quedar na oposición?

Hai unha cousa clara: aquí non hai maioría absoluta e estamos empatados a concelleiros. É certo que a candidatura máis votada é a de Javier, pero non é maioría absoluta; haberá que esperar ao día 15 a ver quén sae elexido alcalde.

O PSOE vaino apoiar a el

Pois non o sei.

Aínda ten esperanzas de...?

Non, non é que teña esperanzas, é que eu sempre apostei por que debían gobernar as listas máis votadas, pero moitas veces non foi así. E pode seguir pasando.

E que maneira hai? O PSOE di que apoia a Alternativa

Non sei. Ti falaches con el?

Si

Ah. A min non me dixo nada aínda.

Pediríalle apoio ao PSOE?

Non. Incluso ao propio Javier.

O que?

Á propia Alternativa. Para gobernar fan falta sete [maioría asboluta]. Teñen cinco. Eu outros cinco e despois hai tres que ten o PSOE.

Vostede pactaría con Javier?

É que non falamos aínda nada. Eu non cho podo dicir.

Non o descarta?

De aquí ao 15 non descarto nada, nin con Javier nin gobernar todos xuntos. Non o sei. Oe, que non se chega a acordo de ningún tipo? Por suposto exerceremos a oposición na mesma liña porque temos un proxecto e sei o que necesitan os veciños de Carral... Nós temos máis de un millón e medio de proxectos que están para saír. E no programa meto proxectos viables de 12 millóns de euros. Nós plasmamos uns compromisos, non vimos cun papel xenérico que vale para Oleiros, Cerceda ou Cambre.

Non vai marchar?

Débome ao partido, non sei se quererá poñer a outro candidato. Motu proprio, non.

Non está canso? Son anos...

Pois pregúntalle a Gelo. Ou a calquera deses que levan 12 ou así. Non estou canso porque teño proxectos que quero sacar adiante. Sei o que necesitan os veciños e non os vou deixar tirados, e menos aos que me votaron. Que se foran as eleccións hoxe non sería así.

Os resultados? Por qué?

Porque se votou con paixón, non se votou con cabeza.

E que cambiou dende o domingo ata hoxe?

Que ao mellor non contaban con que Alternativa tivera tantos votos. Cada un votou á súa maneira pensando que a Mouriño lle chegaban ben os votos e déronlle unha opción a Alternativa porque consideraban que case era o mesmo votar a Javier, coa amizade que nos une, que votar a Mouriño.

Son amigos?

Home, é un subordinado meu hai 16 anos. Cando eu entrei había un funcionamento no Concello que non me gustaba, quería que houbesa unha persona axeitada que me atendera ben aos veciños e destinei a Javier á xestión dos tributos da Deputación, despois axudar aos veciños coas alegacións ao plan xeral... Tiña confianza plena nel. E era un auxiliar administrativo e pasou a cobrar como un técnico. Non é tonto e non traballa por amor ao arte.

Viu mal que se presentara?

É libre de presentarse. A min non me pareceu mal. Imaxino que aos do PSOE lles debeu parecer moi mal. Porque quenes o meteron aquí foron os do PSOE hai 26 anos. Eu no ano 99 pedinlle se viña comigo, e díxome: "José Luis, eu apréciote moito e todo o que queiras pero non vou ir porque lles debo aos socialistas estar aquí e non vou traicionar a Vales". Non tardou moito... Dez anos.

E ve posible gobernar os tres?

Si, porque por riba desto ten que estar Carral. O que prima en Carral é Carral e a idiosinciasia dos veciños de Carral. Eu non quero que me veñan impoñer cousas doutros concellos. Aquí somos felices, tranquilos, non lle temos medo a ninguén, non comemos aos nenos, non amenazamos con denunciar a ninguén...

Non se leva ben con Gelo...

Sería tremendo que quitara dous habilitados nacionais e puxera xente da súa confianza. Para iso eu vou estar aí a muerte con quen lle toque ser alcalde para que non veñan poñer aquí doutrinas bolivarianas. A ver se agora imos facer a estatua de Fidel aquí en Carral.

Lévase fatal con Gelo.

É que non me gusta a forma de traballar. Unha persona que xamáis da vida se autoculpa de nada... Que me vai falar a min de caos urbanístico de Carral? Alí todas as urbanizacións, menos donde vive el, que alí é a zona rica, teñen sinais de rúas sen saída. E iso é planificación urbanística? Carreiros para entrar en urbanizacións? E aínda por riba ten o entronque todo hacia a Nacional-VI. E alí si, deixa meter. E claro, "que expropie o Estado!" Planifica ben! Ti ves normal, co caos que hai... A culpa xa é dos que viven en Oleiros. Pero co caos que hai, agora mesmo o castro de Xaz, do seu amigo Jove, e do seu amigo Collazo, e máis del, que haxa 800 vivendas máis aí? A onde van? Atravesan cun ferri para o outro lado? A min non me pode falar de cousas serias ese home.

E vostede que fixo mal?

Penso que non fixen nada mal.

Entonces, como Gelo

Non, eu o que teño culpa é de non facer máis. Pero non culpa, eu teño pena que non estean rematados os edificios. E non había financiación, e era ostentoso, facer un auditorio ou cubrir a piscina.