"Sempre fomos una asociación relativamente pequena en número de socios pero bastante activa", avalía o presidente do Grupo Hábitat, Ricardo Ferreiro, no ano en que o proxecto iniciado por menos dunha decena de rapaces "moi entusiastas por coñecer a natureza" cumple catro décadas de actividade. Destaca como paso clave na súa evolución que as actividades. que en orixe se dirixían e se ofertaban a socios ou especialistas, abríronse nos últimos anos ao público xeral "con bastante éxito", en parte polo "interese crecente na sociedade polo medio ambiente" e o "cambio real" nas conciencias que aprecia.

Hoxe consolidado como referente no traballo medioambiental, Hábitat comezou como "una asociación xuvenil", lembra Ferreiro. "Nos inicios, formouse con seis, oito ou dez persoas. Agora, socios somos 130 ou 150", estima, de memoria. Os "entusiatas do coñecemento da natureza" que concebiron o grupo "seguiron diferentes carreiras profesionais, e hoxe varios son profesores de universidade de bioloxía", conta o presidente. "Entón non era tan fácil como hoxe acceder ao coñecemento, así que quixeron facer un grupo con estas inquedanzas comúns de facer saídas, ir ao monte e aprender", apunta.

"O espírito central mantense", celebra o presidente. Desde o principio, houbo tres patas fundamentais: o estudo da natureza; a súa divulgación facendo moitas actividades, a maioría abertas e gratuitas en espazos naturais ou no noso local social, invitando a expertos a dar charlas; e a conservación, que tanto a realizamos con accións directas de mellora no medio natural, dende a elimiación de residuos ou especies invasoras ata a repoboación de zonas queimadas..., e tamén a parte de denuncia ambiental e seguemento de perturbacións ou alteracións que coñecemos e que soemos abordar falando coa administración competente e intentado informar e chegar a acordos e, se non é posible, mediante unha denuncia", explica.

A súa "apertura ´á sociedade en xeral" posibilitou, cre Ferreiro, dar "máis impacto e visibilidade social" ao grupo e ao seu traballo. "Froito dese traballo, desa apertura, conseguimos por exemplo ter convenios con Emalcsa, co Concello da Coruña, coa Universidade da Coruña e con entidades privadas. Pouco a pouco, conseguimos con iso que o noso impacto na sociedade sexa maior", celebra. Preguntado por se o interese crecente no medio ambiente é en parte unha moda, coida que "posiblemente teña carácter de moda nalgúns aspectos e incluso algúns que non están moi ben orientados, pero de fondo si que cremos que hai algo continuo, dende os anos 60 e 70, nos que xurde esta preocupación, e foi avanzando, e cousas que antes se vían como normais, hoxe chaman a atención" e conclúe: "Hai un cambio de mentalidade". O seu obxectivo? "Sobrevivir, intentar continuar como estamos. Cada ano pensamos que non podemos seguir o ritmo do anterior, e facemos aínda máis".