Médico municipal de hixiene, afiliado ao Partido Galeguista e colaborador na organización de fuxidas tras o golpe de Estado de 1936, Manuel Fernández Lópezserá homenaxeado hoxe na Praza da Liberdade de Nós polo BNG, na súa celebración do Día de Galiza Mártir. Os nacionalistas recoñecerán a labor do facultativo, cuñado do pintor Luis Seoane, 82 anos despois de que fora fusilado no Campo da Rata da Coruña, ás cinco da tarde do 11 de xullo de 1937, xunto a outros 11 disidentes do réxime franquista.

Nacido en 1908 na Coruña, Manuel López Fernández afiliouse en marzo de 1936 ao Partido Galeguista, organización da que tamén eran militantes a súa irmá Maruxa e o seu cuñado, o pintor Luís Seoane López. O médico agochou na súa casa a outros disidentes que se atopaban en perigo e colaborou na organización de fugas a territorios aínda controlados polo goberno republicano, sobre todo Asturias. Entre os persoeiros que Fernández López acolleu no seu domicilio figurou Luís Rufilanchas Salcedo, deputado socialista que o 18 de xullo estaba de vacacións en Cangas e acudiu á casa do médico para dende alí fuxir. Para o 23 de febreiro de 1937 estaba prevista unha fuga cara a Xixón na motora Sisargas que non puido levarse a cabo porque ese mesmo día foi detido Eliseo Freire Vilas, o encargado de mercar o combustible para a embarcación.

Fernández López foi detido ao día seguinte e a súa casa, rexistrada. Atopouse moita documentación, con anotacións de Luís Rufilanchas, planos ou unha emisora de radio, segundo relata o BNG nun escrito sobre o médico que anuncia a homenaxe. No mesmo rexistro foi detido Emilio Zufia Moreno, director dun xornal nacionalista de Hondarribia, que tamén estaba oculto na casa.

Fernández López exercía a medicina na rúa Río de Quintas, en Culleredo, na contorna da Pasaxe. A documentación do consello de guerra no que se condenou a morte ao médico recolle que Fernández López se establecera na Pasaxe había "aproximadamente tres anos". "Servente defensor das teorías esquerdistas, sendo ademais organizador de mitins en Perillo, O Burgo e a contorna. A súa casa era lugar de reunións dos dirixentes da Fronte Popular destacando a presenza, entre outros, de Suárez Picallo", detallaban os escritos, segundo recolle o BNG.

O fusilamento de Fernández López e outras once persoas buscaba ter un carácter "exemplificador" e tiña o obxectivo de "desartellar o aparello clandestino que operaba na Coruña, sementando o terror e o medo entre todas aquelas persoas que colaboraban na protección das mulleres e homes perseguidos polo fascismo", relatan os nacionalistas, que citan un estudo universitario publicado en Sermos Galiza.

Actos polos mártires

O BNG celebrará ás 20.00 horas na Praza da Liberdade de Nós a homenaxe a Fernández López, con motivo do Día de Galiza Mártir, que a formación nacionalista festexa dende1996. A data foi fixada pola Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, con motivo do fusilamento de Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936.