Para conmemorar os 800 anos do traslado de Betanzos O Vello ao castro de Untia, a Orquestra Sinfónica de Galicia e os alumnos e alumnas da Escola de Folclore e das súas formacións revivirán a danza gremial máis antiga da que se ten constancia na cidade, que é a dos xastres e alfaiates. Será mañá, a partir das 22.00 horas, na praza García Irmáns, en Betanzos. Para que a peza soe parecido a como o facía no século XIX, os músicos Pedro Lamas, que é profesor de gaita e percusión na Escola de Folclore de Betanzos, e Roberto Somoza, arranxaron as partituras atopadas desta coreografía de cintas.

"Betanzos é o lugar de toda Europa no que máis danzas gremiais se conservan. É un caso único. Hai de labradores, de mariñeiros, de zapateiros e o de xastres, sendo este o máis antigo, xa que foi fundado no século XII", explica Lamas. Xa daquela hai constancia de que había un baile, aínda que non chegou até a actualidade tal e como foi creado, senón que sufriu modificacións e foi recuperado, primeiro nos anos oitenta, pola asociación Pasiño a Pasiño e, despois, hai dous anos seguindo os apuntamentos e as notas que hai de como se recreaba no século XIX. "Mudaron as vestimentas e a música no século XIX pero non temos a seguridade de quen é o autor", comenta Lamas, que para esta actuación introduciu, xunto con Somoza, as gaitas na partitura, xa que, polas fotografías que se conservan da época eran uns poucos músicos de vento-metal da banda municipal quen se encargaban de interpretar a danza sobre un ritmo de mazurca.

"O feito de incorporar as gaitas é unha maneira de achegar a danza á súa orixe, porque a súa orixe é certamente popular, e porque as que mellor se conservan, que son a de mariñeiros e a de labradores, son interpretadas cunha gaita e cun tambor, así que, parece lóxico pensar que os instrumentos de música popular deberon participar en moitas ocasións, cando se interpretaron estas danzas", relata Lamas.

O obxectivo é facer "un percorrido de volta ás raíces pero coa Orquestra Sinfónica", resume o gaiteiro, que destaca o traballo de Elena Díaz, a directora da escola e mestra de danza, xa que fixo unha investigación "moi seria" para poder recuperar este baile.