O concelleiro de Urbanismo, Alberto Castro, analiza os seus obxectivos neste mandato, no que ten que sacar adiante a regularización dos núcleos costeiros e o circuito de Morás, ademais de lograr que o polígono de Sabón se converta nalgo similar a A Grela.

Que obxectivos ten para este mandato?

O departamento vaise dividir claramente en catro bloques: actividade, obras, planeamento e disciplina. En actividade estamos practicamente ao día. Puxemos moito empeño os outros anos porque o levabamos moi mal. Estaba Arteixo bastante en precario, agora témolo bastante ben. En disciplina estableceuse un plan de inspección. En obras, non hai espera grande nas licenzas. No 2018 e no 19 subiu moito a demanda. Pillounos con falta de dous técnicos.

Como se atopa a tramitación para a redacción do plan xeral?

Xa temos o prego. Agora teño que pasalo aos sabios para que me digan os erros para non cometer os que tiveron Cambre ou Betanzos. Temos unha proposta de prego. A intención é metelo no orzamento do ano que vén e que se contrate o plan. Iso é o máis importante do planeamento, pero ao mesmo tempo queremos darlle un pulo a redacción de todo o planeamento de desenvolvemento. Temos moitas unidades a medias, proxectos de reparcelación e urbanización. Hai que levalo paralelamente.

Por que se tardou tanto en ter todas as bases do plan xeral?

Por cautela. Todo o mundo que foi diante nosa foi fallando. Hai que facer unhas bases que non se impugnen xudicialmente e ter garantías de que os equipos teñan moita solvencia. Houbo moitos cambios na lei de contratos. Non é que tardaramos moito, senon que temos poucas mans. O máis importante para Arteixo é o desenvolvemento das unidades que están programadas que rematar un plan que vai afectar en case nada a esas unidades. O plan vai afectar máis directamente ao núcleo rural que ao do borde do urbano.

Como se atopa a regularización dos núcleos costeiros?

Neste momento está en exposición pública. Agora teñen que chegar todos os informes e adecuar o documento. Se non provocan cambios substanciais, eu supoño que para xuño estaremos en aprobación provisional. Penso que nun ano está terminado o tema.

Nesta semana no pleno falouse das dúas modificacións urbanísticas que se fixeron en Sabón, por que fixeron antes que o cambio de todo o polígono?

O que fixemos foi poñer unha condición para tramitalas. De donacións ao Concello. A un impuxémoslle un baixo de 240 metros cadrados e a cesión de zonas verdes e acondicionamento da parcela, que aquelo daba noxo. Xa estamos informando o proxecto de urbanización. É o caso de Gundín. E no caso da Schweppes o que se pediu foi 600 metros cadrados de edificio para facer un viveiro de empresas e a urbanización do perímetro, o que supón unha mellora substancial no polígono. Por iso tramitouse individualmente iso. Oxalá nos pediran todos e lles puideramos imprimir este tipo de cargas. Só pediron os que tiñan intereses de usos terciarios, os outros non pediron. Podían pedilo todos e accederiamos a todo. Nas zonas onde se actúa queda o frente urbanizado e o Concello queda cunha cesión gratuíta. Agora no polígono temos un problema: hai un café para todos, pero o Concello recibe moi pouco a cambio. Só naquelas parcelas que se transforman.

Sobre o plan especial para regularizar o circuíto de Morás, como está a tramitación?

Está máis ou menos como os de núcleos costeiros e o de Vilarrodís. Está en aprobación inicial e periodo de alegacións e informes sectoriais. Contamos con que o ano que vén teña máis forma.

Como é posible a regularización do circuíto tardase tantos anos, xa que é de hai uns 20?

Porque se fas unha análise por toda Galicia non hai nin unha soa instalación deportiva que fora perseguida como o circuíto de Morás. É unha cuestión de acoso e derruba. Se iso mesmo llo fago a todas as instalacións deportivas que hai ao longo de Galicia... Non teño máis que ir a Carballo, A Laracha, Culleredo... Ningunha está regularizada. Sempre se entendeu que ese tipo de instalacións deportivas baseábanse nun proxecto e acabouse. Non había máis tramitación urbanística. Cando alguén considera que iso ten que ter unha tramitación e só o fai única e exclusivamente co circuíto de Morás... Non o fai con todas as instalacións deportivas que hai no entorno de Arteixo. Fixen un listado e hai unhas 40. Agora o que vamos facer é intentar regularizar esa e as outras que hai. Porque hai máis. Hai campos de fútbol, hípicas... Hai moitas cousas que necesitan un plan especial para regularizar a situación.

Fala de Arteixo nestes últimos?

Eu voume preocupar de Arteixo. Detrás do plan especial de Morás, iránse creando outros plans especiais para facer zonas deportivas. De feito, o que estamos facendo de Vilarrodís é similar ao de Morás, para poñer instalacións deportivas públicas e privadas.

Acoso e derruba de quen?

De persoas que teñen intereses de que aí non haxa autocross. Se se mira a hemeroteca, hai unha xente que non o quere e o persigue. Enfronte hai un polígono no que se fai a mesma práctica de deportes e ninguén di nada. Ben, vale. A distancia son 200 metros. Por eso falo de acoso e derruba. Neste caso é dirixido a unha actividade. Só se persigue a un circuíto. É un acoso e derruba a unha actividade. Hai moito enfermo. Iso ten un lado positivo. Iso vainos a obrigar a legalizar todo con plans especiais para todas as actividades deportivas que hai en Arteixo. Para deixar todo completamente regulado.