Por que decidiu participar neste proxecto?

Participo polo espolio non contado nesa época na comarca de Arteixo, de como me contou Xabier como se apoderaron dese territorio, que simboliza o poder económico e está tomado por unha das grandes empresas que arrasan o mundo. Eu son unha persoa que nas Encrobas viviu algo semellante. Son natural das Encrobas e vin o proceso das expropiacións e de que como foron caendo as aldeas.

Ve similitudes con este caso?

Si, porque no fondo é o mesmo. É apoderarse dun territorio para a riqueza dunha gran empresa nas Encrobas e moitos neste caso.Eu non estou en contra da industrialización, pero ten que serracional e respectando ás persoas que habitan estes territorios. Nas Encrobas houbo unha reacción, porque xa estábamos no final do franquismo e aquí estaba moi vivo e había moito medo. Nas Encrobas foi onde a xente perdeu máis o medo, na época de Transición. Hoxe xa volvemos vivir con medo porque son as falsas democracias nas que o que protesta émachacado legalmente.

Por que cre que se produce esta involución?

A Lei Mordaza. Prodúcese esta involución porque se non a sociedade revolveríase. Estábase revolvendo. Cal é a maneira de continuar a política do medo? O xeito democrático de manter a poboación controlada é a base de lexislación, Lei Mordaza, iso que non permite falar libremente. Hoxe vas á cadea por dicir "abaixo a monarquía". Recuperar a memoria é importantísimo, que a xente de Arteixo coñeza o sufrimento dos seus antepasados.

Cal era a reacción dos veciños con este documental de Sabón?

Xabier falou con algunha xente previamente, pero chegamos a outra xente que non o sabía. O que eu apreciei foi unha alegría inmensa por poder contar aquilo que sucedeu, porque foi unha inxustiza que aínda levaban na súa cabeza. E en algúns casos no que amargura persiste. Detectei anecesidade de contalo.