A i, esta xuventude de agora, non ten respecto por nada, só botellón, terminamos repetindo cando xa perdimos a mocidade. Pois menuda lección nos dan aos maiores e ás institucións este grupo de rapaces de vinte e tantos anos co traballo que acaban de facer, que inclúe investigación, entrevistas, traballo interxeracional, historia, antropoloxía, cultura, música e ata vestimenta. Todo por amor ao folclore galego e a ansia de que non rache a cadea de transmisión de pais a fillos, que prenda nos máis novos. É o Proxecto Pesquedellas, eminentemente feminino xa con este nome, que remite á sexo da muller. Son sete mulleres e un rapaz, con idades entre os 18 ata os 30, amigos e compañeiros na Escola Municipal de Folclore de Betanzos. Onte fixeron a presentación oficial do seu traballo coa proxección dun pequeno documental, a modo de resumo do traballo, na librería Biblos, seguido dunha foliada libre no Lanzós.

Escoitar, Aprender e Compartir é o humilde lema destes mozos co que xa o din todo. Catuxa Gómez Teijo, Ángela Fernández Rodríguez, Noelia Fraga Pérez, Fátima López Freikre, Andrea Rey Castro, Gala Illanes Illobre, Sara Fraga Pérez y Roque Gómez Teijo, son os rapaces que puxeron a andar este proxecto valente e innovador que como eles mesmos din, quere amosar que hai máis vida musical aló da discoteca.

"Esto xurdiu este ano, a partir das subvencións da Xunta da Iniciativa Xove, para proxectos que xurdan da mocidade e revirtan na mocidade. O 5 de agosto soubemos que nos concedían a axuda. Todo partiu con Otilia de Teixeiro, ela falounos de Maricarmen de Boimorto, daí fumos ás pandereteiras de Anxeriz e de aí á Fonsagrada, onde atopamos aínda transmisión de música de pais a fillos, aí vimos que non rompera a cadea transmisora do folclore, algo moi especial. Fumos grabando entrevistas cos maiores, que ata actuaron para nós. A xente foi encantadora, moi xenerosa", conta a coordinadora deste proxecto, Sara Fraga (máster en Xestión do Patrimonio Artístico, investigadora e membro de Amigos do Parque do Pasatempo).

Estas mozas foron libreta e bolígrafo na man, e cámara noutra, para recoller cancións, costumes, maneiras de tocar, entrando nas casas, departindo nas hortas, por toda Galicia. É unha delicia o vídeo que subiron ao Facebook no que estas mozas se xuntaron arredor dunha mesa a escoitar, tocar e aprender ao lado das pandereteiras de Anxeriz. Noutros vídeos vese a Ton contándolle como eran as danzas gremiais, ou a Otilia e Mari Carmen relatando as consecuencias da Guerra Civil nos seráns e foliadas.

"Estamos descubrindo cousas que descoñecíamos. Nós aprendemos folclore nunha escola, non dos nosos pais ou avós. Queremos difundir esta música nos máis novos para que non se perda e recuperar para a nosa comarca o que si está forte noutras coma Bergantiños, con foliadas e demais", engade Sara. "Na Fonsagrada emocionáronse de ver que queríamos recoller isto, ás veces eles mesmos non sabe o valor que ten a súa historia", engade Fraga.