O investigador e comisiario de arte Fran Quiroga exercerá de mediador para acordar e encargar unha obra de arte contemporáneo para o Pasatempo, dentro do proxecto Concomitentes. A Fundación Daniel y Nina Carasso impulsa a iniciativa e destina 75.000 euros á intervención no parque betanceiro, que se situará "xunto a París ou Bruxelas" nunha "rede internacional de obras de arte".

Como xorde o proxecto?

A Fundación Daniel y Nina Carasso, franco-española, da familia fundadora de Danone, ten entre outras liñas de taballo a alimentación sostible e a arte cidadá. E nesta liña impulsa Concomitentes. Chaman a cinco mediadores, e un deles son eu, con intención de producir obras de arte que atendan a un desexo cidadán.

Por que vostede?

Eu xa traballara coa fundación e, pola miña forma de traballar, que sempre intento procesos participativos en torno á arte, podía encaixar nese perfil de mediación. A obra final non vai ser só do artista, senón desenvolta polo artista, a cidadanía e a mediación. Non é que todos vaian pintar, pero todos somos partícipes na produción. Fronte á idea de que a arte é un espazo só burgués ou para xente con capital, dicía Hers [François, pioneiro destas iniciativas nos anos 90], democratizar a arte.

Como se financia esta?

Por agora, á espera de conseguir máis fondos, a fundación aporta 75.000 euros para Betanzos. Dá para certa ambición e temporalidade. Temos ate 2021.

Chegará?

Marcouse así. Houbo proxectos en Francia que duraron nove anos. Ás veces hai proxectos complicados coa administración... E xa levamos ano e medio traballando, en reunións co Concello, asociacións e a fundación. Un traballo previo invisible. Agora, abrimos á cidadanía o proxecto coas sesións participativas. Imos facer o 16 de novembro unha xornada camiñada para ir conversando e xa pensando en posibles obras ou en que relato queremos que trate. E logo, dúas sesións máis, en decembro e xaneiro. En torno a febreiro xa teriamos pensada a encarga.

Que rápido!

Si, esa é a idea. Pódese falar do parque, do legado dos García Naveira, patrimonio, un parque enciclopédico, a migración... imos ir decantando pouco a pouco que relato nos gustaría que a obra tivera. O artista sairá seleccionado en función desta encarga. E a idea é que con el ou ela tamén sexa un proceso dialogado, garantindo a liberdade creativa.

Que tal a primeira sesión?

Ben. Houbo vontade.

Foi moita xente?

Trinta e cinco persoas.

Como o ve?

Gustaríame que houbera máis, pero entendo que é un proceso innovador e non estamos afeitos a que se nos pregunte. Buscamos que a xente se involucre. É difícil que a primeira sexa un éxito.

Con outras tres abondará?

Imos ver como vai. O proxecto é permeable para que, si necesitamos máis, teñamos máis sesións. Nos procesos partipativos a xente tamén se desgasta, queren ver resultados. E nos xa levamos un ano previo. Imos vivir con incertidume. Non estamos moi afeitos a este tipo de procesos. E con respecto aos que se van facer no resto do Estado, aquí é máis innovador e pioneiro porque é moito máis participativo. Imos ampliar a toda a cidadanía o proceso. Noutros proxectos faise cun colectivo. Creo que non se fixo en todo o Estado un proceso destas características. Ten un maior risco.

Tamén maior mérito, non?

Exacto. Dalgunha maneira imos experimentar todos, non situar tanto a obra final como obxecto fetiche senón como pensamos o proceso en si e situar á cidadanía no centro do proceso. O propio proceso tamén é facer arte. E tamén nace dunha necesidade latente de facer algo en torno ao parque. Todos e todas imos deixar un legado no parque, que está pechado.

Inflúe o administrativo?

Si. Hai un proxecto que leva a Administración de rehabilitación, non podemos influír nel. Imos ver onde vai poder ser a obra, entendo que será moito máis fácil na parte nova.

Por que se escolleu Betanzos?

Porque eu son de Paderne e vivín tempo en Betanzos. E creo que o parque ten suficiente forza como para facer unha intervención alí. Hai un parque, unha cidadanía activa en torno ao parque. E facemos diálogo entre a filantropía dos García Naveira e a da fundación.

Que encargaría vostede?

Para min hai un pequeño soño: recuperar unha casa dos espellos. Antes o parque tiña unha.

Que foi dela?

Fixeron enriba o polideportivo.

Cando?

Supoño que sería nos anos 80.

Estaba en bo estado?

Creo que non moito, pero bueno...

Xa...

É un despropósito absoluto. De arriba abaixo. Hai como unha especie de hastío, apatía, con Betnazos. Collemos desde esa apatía e a ver como facer ese proxecto. Axudar a pensar a autoestima, que temos unha marabilla, que vai participar un artista de renome, que é un proceso internacional, que imos deixar o noso legado. Iso pode axudar a pensar un pouco en Betanzos e activar a propia vila.