"Estamos creando conciencia. A xente agora pregúntase o porqué de moitas cousas que antes estaban normalizadas", asegura Pilar Iglesias, a presidenta da asociación As Berenguelas, que onte pechou unha semana de actividades pola conmemoración do Día da Muller Rural, "a semana estrela" da asociación, seguida pola do 8 de marzo, Día da Muller. Obradoiros de igualdade ou feminismo e presentacións de libros nesa liña de pensamento centran o traballo pola concienciación que fai esta entidade, que este mes cumpre tres anos dende que comezou a organizarse e que en xaneiro os fará da súa constitución oficial.

A meta da asociación, que conta xa con 112 integrantes, é "crear conciencia de que as mulleres deben ter as mesmas oportunidades". "Polo menos que se pregunten por que, e despois xa o seguinte paso", sinala Iglesias. Explica que os talleres son abertos tamén a homes, aínda que "non van moitos" e asegura que "é complicado, ás veces coas mulleres costa". "Ás veces non se senten moi cómodas, pero é igual. O que nos impartimos non é obrigatorio,. Simplemente crea conciencia", sostén a presidenta.

Xunto coa reivindicación do papel das mulleres e da igualdade, a outra meta desta asociación é tentar que "a fenda entre o urbano e o rural sexa cada vez máis estreitiña, tender pontes". A programación cultural regular é unha das vantaxes da vida en núcleos urbanos que máis bota en falta Iglesias. "En Culleredo na zona urbana hai teatro todos os venres. Nós dende aquí témonos que desprazar. Sería ideal ter un espazo grande e poder desenvolver actividade cultural todo o ano, en non só na semana en que organizamos programación, que este ano adicamos ao teatro. Hai salas pequenas, hai que pedilas... Se houbera un lugar de referencia, poderíase programar todo o ano. Hai compañías afeccionadas pero tremendas que poderían actuar", suxire a presidenta.

A cultura centra a actividade habitual das Berenguelas. Realizan presentacións de libros cada trimestre, a última, dentro da programación polo Día da Muller Rural, foi do libro As fauces feroces, de Emma Pedreira, "unha crack, unha muller feminista, empoderada, xenial, que non deixa indiferente a ninguén", asegura Iglesias. "Pídennos vir presentar as súas obras. Estamos moi contentas. Iso tamén reduce a fenda entre urbano e rural", apunta. Tamén teñen un clube de lectura, dirixido por tres escritoras da zona que son socias: María Míguez, Laura Rey e Nuria Otero. Len obras diversas, dende poesía ata libros que se adaptaron ao cine, polo que despois proxectan as películas. A asociación ofrece tamén clases de pandeireta. "Queremos recuperar o tradicional no rural e darlle visibilidade", explica a presidenta.

Iglesias celebra o éxito de participación nesta semana de actividades que organizaron polo Día da Muller Rural. "Este ano involucramos moito á xente de aquí, do rural. A labor primordial é que o rural medre e teñamos as mesmas oportunidades. Queremos que a xente se involucre cada vez máis", conta a representante da entidade.

A semana comezou cunha churrascada aberta. "Xantar é moi importante para os galegos. Non hai festa que se prece sen comida", sinala a presidenta. O Concello organizou tamén a presentación de proxectos de emprendedoras da comarca. Despois, houbo varias funcións de teatro, as poetas Laura Rey e Nuria Otero interviron na exposición fotográfica A muller no rural, de Gema Castelo; que segue aberta no centro Amparo Prego Ruibal.