No concello de Vilarmaior, eles son maioría. Este pequeno pobo cunha das taxas de envellecemento máis altas da provincia conta desde hai uns meses cun proxecto pioneiro na comarca co que pretende combater a soidade dos maiores e, ao tempo, tender pontes entre xeracións e favorecer a conciliación das familias.

Todos os mércores, os usuarios da nova Casa do Maior fan de canguros dos pequenos da Casa Nido. "Somos vellos, pero temos ganas de facer cousas e de aprender", conta Antonio. Este xubilado, que traballou case toda a súa vida en Astano, agarda agora con ilusión a chegada dos mércores para coidar das súas cinco netas adoptivas: Daniela, Vera, Cristina, Irma e Nora, as cinco usuarias da Casa Nido que abriu as súas portas o pasado mes de agosto.

Manolo e Socorro son os compañeiros de Antonio na Casa do Maior. Este matrimonio, que reside en Vilarmaior desde hai máis de cincuenta anos, viviu o declive do pobo. "Agora hai moitas casas soas, a xente foise indo a buscar traballo e o pobo quedouse baleiro", relata Socorro. Antonio asente coa cabeza. El lembra cando a escola de Vilamateo tiña 22 nenos, relata.

Falan sen perder de vista ás cinco rapazas que xogan no chan. E que os mércores na Casa do Maior non hai tempo para aburrirse. Manolo, Socorro e Antonio fan de todo, desde dar o biberón a cambiarlle o cueiro ás nenas: "É como andar en bicicleta, iso nunca se esquece", chancea Manolo.

A Cooperativa Entelequia Social é a encargada de xestionar a Casa do Maior e a Casa Nido. As coordinadoras, Ana e Amelia, programan as actividades coas que traballan desde a psicomotricidade ata a memoria. Todo de forma lúdica. "Aquí somos como unha familia", conta Ana. Un dos obxectivos dos centros é, precisamente, facer comunidade, crear vínculos entre as familias de Vilarmaior e os usuarios contribuirán neste obxectivo coa posta en marcha do primeiro proxecto de reciclaxe que se fai no pobo.