O BNG de Bergondo presentou alegacións ao plan especial de reforma interior dun solo industrial en Obra do Paño, na parroquia de Lubre. Os nacionalistas cuestionan a necesidade deste parque empresarial e alertan da falta de servizos no ámbito.

"A proposta prevé que o saneamento deste polígono industrial de seis naves sexa conectado a unha rede de saneamento inexistente", denuncia o concelleiro David Carro, que lembra que "a rede en Dornas e na parroquia de Lubre enteira non está operativa". "De feito, aínda se está a tramitar o proxecto, incluído na polémica senda fluvial do río Maior, sostén o edil, que ironiza: "Quizais a veciñanza de Lubre entenda mellor agora por que o bipartito PSOE-Alternativa dos Veciños tiña tanta presa en aprobar o proxecto da senda fluvial sen informar ás persoas afectadas".

O BNG cuestiona ademais a necesidade de solo industrial á que apelan os redactores do plan especial.