"Eu de cabalos non sei nada, tampouco de doma, eu tan só podo falarche das miñas vivencias cos cabalos", di Paco risoño. El non é de presumir, pero aos seus 96 anos este veciño de Perbes, que sementou en Miño a afección pola hípica, só ten que dicir baixiño un "de xeonllos" para que o seu cabalo se prostre sen chistar.

Non hai en Miño nin na contorna un afeccionado á hípica que non coñeza a Francisco Vázquez del Río. Xinete e domador autodidacta, Paco é memoria viva da equitación. A casa familiar é un museo, e tamén unha escola que non pide inscrición. Cóntao Santi Damil, un xinete profesional que fundou en Alemaña unha empresa de doma clásica e que deu os seus primeiros pasos a cabalo das mans de Paco: "Con el empezou todo, con Paco namoreime deste mundo, ninguén me influíu tanto coma el", conta este xinete, que traballou con profesionais de renome internacional como Borja Carrascosa ou o seleccionador Jan Bemelmans.

Precisamente o labor de mestre de Paco, a súa perseveranza en "inocular en todos os nenos a afección polo mundo do cabalo" é uns dos motivos que levou a Sociedade Cabalar de Miño a renderlle unha homenaxe. "Sempre está pendente dos mozos", conta unha das directivas do colectivo, Yolanda Tenreiro. "Paco sempre está para o que precises, é súper importante para todos nós", di.

El non quere oír piropos. "Eu facía catro tonterías, antroidadas", lembra. Unha afirmación que desmenten crónicas das súas exhibicións na Feira do Tres e noutras de Galicia ou Asturias como aquela de 1998 na que, ao lombo de Moreno, derrotou o campeón Antonio Aluminio no torneo de andadura. Paco non se detén nos trofeos, só ten ollos para as fotos antigas. A equitación foi para el ante todo unha fonte de gozo, di mentras sinala unha foto del nos anos setenta ao lombo do seu primeiro cabalo acompañado da súa muller, Herminia, que faleceu hai oito anos. Na lista de bos momentos ocupa un lugar privilexiado ese monte "precioso" que acondicionou coa axuda dos seus fillos Javier, Charo e Pepe, xa falecido, para que aprenderan a montar.

A celebración dos seu santo e os "seus 96 anos e medio", convertiuse nunha homenaxe a este xinete autodidacta que soubo inculcar a afección pola hípica a varias xeracións. "Todos aprendemos a montar grazas a el", conta a súa neta, Antía. El só ten palabras de agradecemento á vida: "O creador conmigo foi moi bo", comenta.