10 de noviembre de 2019
10.11.2019
La Opinión de A Coruña

Triskell, unha asociación na que caben todos

Naceu no ano 2015 co fin de achegar a música tradicional a todos os públicos, unha premisa que manteñen ata o día de hoxe

09.11.2019 | 19:23
Integrantes da Asociación Cultural Triskell, nun ensaio.

"Para aprender a tocar ben, hai que tocar", expón o presidente da Asociación Cultural Triskell, Roberto Mosquera. Baixo esta premisa nace unha agrupación que está a piques de cumprir os cinco anos de vida, e que garda perspectivas de seguir medrando. O bar Casa Xuntanza, en Arteixo, é o seu escenario de todos os venres, un escenario no que hai sitio para todo aquel que queira saír a tocar o que vai aprendendo.

"Queriamos aportar algo distinto do que xa había. A filosofía é que o que queira ten que tocar, se estás aprendendo unha peza nova e non te atreves a facelo ti só, podes meterte no medio dos que a están tocando. É como o pelotón do ciclismo, os de adiante tiran dos de atrás", explica Roberto Mosquera.

Unha metodoloxía que, como puideron comprobar co tempo, favorece o proceso de aprendizaxe, xa que todos teñen a oportunidade de saír á palestra. "Se cadra algún día temos que cambiar o sistema. Pero agora doeríanos ter que dicirlle a un neno que non pode tocar. Se ten o mínimo nivel, que se meta cos demais", comenta Roberto Mosquera. Se de algo presumen na asociación Triskell é dos profesores que integran o plantel: Bieito Romero, de Luar na Lubre, instrúe en gaita; o director da Escola de Música de Arteixo, Víctor Iglesias, fai o propio co acordeón, entre outros moitos.

Non é o único motivo de orgullo da agrupación, xa que das súas aulas saíu o grupo folk Dequenvessendo, que veñen de celebrar 15 concertos o pasado verán e que onte presentaron maqueta en Cantabria. Están, tamén, a piques de sacar o seu primeiro disco. "Son os nosos nenos, que che vou dicir", comenta o presidente. Roberto Mosquera non foxe da etiqueta de asociación "para ir pasar o rato" e mesmo a reivindica. Os obxectivos non son, de primeiras, as grandes actuacións ou a proxección que se poida gañar, senón o entretemento e a aprendizaxe.

Así, a meirande parte das actividades que a asociación ofrece saíron das propostas dos propios veciños. "Pasou co baile tradicional. As clases de baile fanse sen moita pretensión de ir bailar a ningún sitio. Terminaron por ser unha especie de clases de ximnasia onde a xente vai por facer deporte, aprender e pasar o rato", apunta o representante.

Porén, no grupo non se pechan á profesionalización, chegado o caso. Os propios profesores serven de guía aos rapaces. "O meu fillo empezou aquí na percusión, déuselle ben e empezou coa batería. Agora dálle clases o mellor batería de Galicia, e, se non o deixa, pode converterse nun profesional no futuro", apunta Mosquera.

Se por algo apostan en Triskell é por integrar aos nenos nas súas actividades, no que é o concello máis novo de Galicia. As dúas grandes festas que organiza a entidade ao longo do ano, as Letras Galegas e o San Xoán, van orientadas a alentar a participación dos máis pequenos. A filosofía téñena clara. "Cremos que a música é para compartir, cantando, bailando e escoitando".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es