Se puidésemos facer agora un parque do Pasatempo, no século XXI, como sería? E se fósemos artistas, que obra faríamos alí?. Estas dúas cuestións plantexaranse esta mañá aos Betanceiros que participen na Xornada Camiñada coa que se pretende fomentar o diálogo e a reflexión, dentro do proceso participativo que organiza a asociación Concomitentes para consensuar o encargo dunha obra de arte contemporánea no parque enciclopédico, explica o mediador que leva a iniciativa, o investigador e comisario Fran Quiroga. O punto de encontro está fixado no atrio da igrexa de Santo Domingo ás 11.00 horas.

A iniciativa repartirá aos asistentes en grupos de cinco, que debaterán entre si as respostas ás preguntas que se plantexen para despois compartilas cos demais grupos. Un facilitador da cooperativa Rexenerando contribuirá a "crear un ambiente amable, a que non falen sempre os mesmos, que se cree un lugar de socialización activo e non pasivo", explica o coordinador. Apunta que as dúas preguntas clave que se formularán pretenden facer que os participantes "se poñan na pel" do artista, de xeito que contribúa a que as propostas sexan viables.

A primeira parada do percorrido será no lavadoiro das Cascas, "un dos espazos máis revolucionarios que fixeron os irmáns García Naveira en tanto que axudou a que as mulleres non tiveran que enfangarse ao lavar, tiña dúas alturas. Contribuíu ao benestar. E sigue en uso, sobre todo para sábanas grandes", apunta Quiroga. Xunto ao lavadoiro, a poeta Emma Pedreira realizará unha intervención na que recitará un poema sobre o lavadoiro e falará da súa próxima novela, que trata sobre o Pasatempo. Os camiñantes tomarán dende alí rumbo ao Pasatempo. No parque, o investigador e profesor da Universidade da Coruña (UDC) José María Cardesín destacará "a potencia do parque en canto ás memorias dos migrantes, e tamén por ser un parque de aprendizaxe, enciclopédico", explica Quiroga.

"Búscase potenciar a idea de camiñar en grupo, transitando a cidade, e que se vaian respondendo unha serie de preguntas que permitan facilitar a conversa en grupos; que todos podan ser partícipes a través desa conversa camiñada, ir dialogando e escoitando demandas e desexos da cidadanía de cara ao encargo da obra de arte para o Pasatempo", sinala o mediador.

A próxima cita dentro do proceso participativo será un café-diálogo chamado Negociando o desexo. O encontro celebrarase no Matadoiro, na Ribeira, e promoverá tamén a conversa e o debate en grupos para definir a idea da obra que se encargará para o parque.