Había paxe con botellas de anís, caña de herbas e Sansón; había boinas, panos na cabeza e cestos. Unhas oitenta persoas, nenos, mozos e maiores, esfollaban nas fazulas do millo mentres cantaban seguindo a música da saia da Carolina que tocaba a Asociación Triskell. Todo naquela leira de 16 ferrados te transportaba corenta anos atrás ata que un home de avanzada idade dixo: "Non vos preocupedes que a miña aplicación do móbil di que ata as sete non chove". A primeira edición da Esfolla Popular de Lañas en Arteixo foi onte todo un éxito e un recoñecemento para a iniciativa da Asociación Fontesvellas que recuperou o que hai décadas era o traballo habitual no campo galego. Todos foron con roupas de época prestadas polo Concello. Dous maiores vestiron de muller encantados.

"Cando apañamos as patacas son os dez irmáns de miña muller, os consortes, os fillos... corenta. E facíamos unha comida. E este ano pensamos que tamén podíamos facer algo máis, unha esfolla, que antigamente era todo un jolgorio. E así empezamos. Meu curmán plantou o millo, e esto foise dando a coñecer por todos lados, chamou xente que quería vir, e xa ves, pensamos recoller uns 5.000 kilos de millo", contou Jaime Traba, presidente de Fontesvellas, quen aínda ten muíño de pedra no que moe millo branco "para facer papas".

"Eu esfollei moito de nova, non na leira, porque levábamos as espigas para casa e alí sacábamoslle as follas para encher os xergóns da cama. Se o que esfollaba atopaba unha espiga reina, roxa, ou princesa, que era roxa, amarela e branca, se quería xa podía deixar de esfollar. O día da esfolla miña nai cocía unha pota de cachelos e sardiñas e ían nun paxe cun mantel, auga e caña, para comer na leira no descanso do traballo. E ao chegar á casa, miña nai collía as castañas máis grandes do souto e cocíaas", lembrou Socorro Pombo.

"Para o ano ímolo facer millor, vou botar millo do país, non deste, e plantalo antes, e pasar todo o día na leira, comer aquí como se facía antes", contou Primitivo Vázquez, Tivo, que levou á súa poni Boni a carrexar as mazarocas. "Este tallo e este esfollador feito dunha peza de zoca, unha punta e un bieiteiro, eran de meu avó, así que teñen máis de cen anos", relatou Manuel Seijas, ao que coñecen coma o taxista de Zúrich, e que fala o alemán coma un nativo despois de estar alí emigrado máis de trinta anos."Eu nunca esfollei na miña vida, vin cunha amiga e ensinounos un velliño. Veño de Carral, a ver se atopo un mozo esfollador, que estou solteira", contou con humor unha moza, Inma.