O Concello de Bergondo presentou onte o I Premio de Poesía Filomena Dato, co que pretende contribuír á difusión da lingua e a literatura galega e "rescatar do esquecemento" a figura dunha muller "fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e afervoada feminista galega": Filomena Dato Muruais.

A biblioteca da Senra acolleu onte a presentación oficial do certame. No acto participaron a alcaldesa, Alejandra Pérez; a concelleira de Cultura, Patricia Vázquez; a escritora bergondesa Dores Tembrás e a representante da editorial Apiario, Antía Otero.

"Queriamos facer un concurso literario serio, á altura dos que hai na provincia, e que servise para continuar exaltando a figura de Filomena Dato vencellándoa co traballo de muller e igualdade que vimos facendo desde o Concello", destacou a alcaldesa.

Dores Tembrás amosouse entusiasmada pola iniciativa. "Desde que o Concello nos contactou coa idea do certame literario involucrámonos sen dubidalo", relatou a escritora e editora, que expresou o seu desexo de que sirva para "darle un pulo á lingua e a creación do país": "Temos que apostar polos nosos autores e autoras. Xa estamos agardando a que envíen os seus orixinais".

Antía Otero celebrou o" privilexio poder arrincar desde o comezo coa edición dun certame". "Así podemos sentar as súas bases e crear a estrutura que desexamos", apuntou a editora de Apiario.

As persoas que desexen participar deberán presentar os seus orixinais na Casa da Cultura e a data límite de entrega será o 15 de abril de 2020. Tras as deliberacións do xurado, formado por profesionais, o galardón entregarase o 31 de maio de 2020. O premio está dotado con 2.000 euros e o poemario gañador será publicado por Apiario na súa colección de poesía. As bases xa se poden consultar na web do Concello e na de Apiario.