Moito ten acontecido dende que comecei a participar en política en Sada no ano 2004 até o día de hoxe que, por razóns estritamente persoais, decidín abandonar a política e comezar unha nova etapa na miña vida co desexo de afrontar novos retos tanto laborais como vitais.

Mais o que sempre guiou miña participación foi a defensa do público, do ben común, conquerir un xeito de facer política que desterrase o caciquismo, o ti vai facendo, o aproveitamento duns poucos do interese xeral, etc. Algo que en Sada, por desgraza, foi o modelo imperante durante case 30 anos.

Co meu traballo e ilusión aportei as gañas e empeño aos diferentes proxectos políticos nos que participei para que iste modelo fose erradicado.

Dende que no ano 2015 asumín a honra de ter a responsabilidade de dirixir o departamento de Urbanismo do Concello de Sada, só podo facer un balance positivo desta andaina. Por vez primera contamos cun Plan Xeral que establece as regras do xogo do urbanismo en Sada que garantiza seguridade xurídica tanto para os veciños e veciñas de Sada como para todos aqueles que queran invertir no noso concello.

E entre outros, tiven o privilexio de participar en todas aquelas iniciativas que se puxeron en marcha para a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público, e tamén participei naqueles obxectivos estratéxicos que aínda que non están resoltos, si que están encamiñados como o derrube do Náutico, a recuperación do noso ben máis preciado, o bordo litoral, ou a declaración de ENIL de As Brañas de Sada.

Moitos son os retos e escollos que quedan por diante, a ampliación do colexio de Sada e seus Contornos, o traslado do Centro de Saúde, etc., pero os compañeiros e compañeiras que deixo estou seguro que os acometeran con responsabilidade e rigurosidade.

Mais sempre opinei que os cargos políticos son circunstanciais, que ninguén é imprescindibel.

O que si é imprescindibel é seguir contando cun proxecto colectivo participativo, galego e democrático que teña como base a participación cidadá, que faga do gobernar obedecendo súa máxima e sexa o mandato cidadá quen poña ao fronte do mesmo ás persoas que deban traballar nel.

Nesta andaina coñecín moitas persoas, das boas e xenerosas, que aportaron seu traballo para que todo isto fose posíbel. Delas non só me levo amizades, senón tamén xeitos de traballar e visións comúns na vida e na política. Xuntos pasamos bos e malos momentos, leccións que sempre me acompañarán alá donde vaia.

Finalmente só me queda agradecer aos veciños e veciñas de Sada a oportunidade de ter sido concelleiro e coido que fixen o mellor que sei facer: defender para Sada o modelo dun concello democraticamente participado e aberto para toda a veciñanza que mellore a vida de todos aqueles que vivimos nel. Avante Sada!