Juan Manuel Rodríguez, do PSOE, é alcalde de Cerceda dende a pasada semana tras a saída de José García Liñares, condenado por prevaricar. Naceu en 1990 e é Licenciado en Socioloxía.

Como leva estas semanas como alcalde?

A verdade, con tranquilidade. Na medida de que xa estaba máis ou menos concienciado de que isto podía suceder. Non era o que desexábamos, pero aínda así con tranquilidade e facéndonos cos temas pouco a pouco. Sen maiores incidencias.

Se fai uns meses dinlle que vai acabar como alcalde, creríao?

Dende que na asemblea local se decidiu votar unanimemente unha lista na que estaba de número dous era coñecedor de que podía desembocar nisto. Xa o ía interiorizando, evidentemente.

E que foi o primeiro que fixo tras o pleno de investidura?

Tomar os temas pola man, moitos temas que temos urxentes. Xa ao día seguinte traballando neles. Temos moitas obras que sacar a contratación, preparar o orzamento do 2020 e despois hai moitas outras tarefas de menor índole, pero que son urxentes no día a día.

Que retos ten fixados para este mandato?

Hai grandes retos. Un dos retos é a potencial reindustrialización que se debería dar tras o peche do desmantelamento da central térmica, que está fixado para dentro de catro anos. Despois a ampliación do polígono industrial, que xa temos recalificado o terreo como industrial e agora a intentar facer as xestións. A ampliación do Aquapark que xa temos formulado. Medidas de revitalización do rural e de estar pendentes de ter certa soberanía no lago das Encrobas para poder facer actividades aí que sexan beneficiosas para nós e para a comarca.

Do tema da reindustialización, que pretenden facer?

Agora mesmo estamos pendentes de Europa. Aquí hai varias fases. Europa esperemos que saquen axudas, despois está o Estado e despois estamos nós, apertando. Temos que estar pendentes do que vaia saíndo.

Cerceda está no límite de 5.000 habitantes, que medidas ten pensadas o Concello?

A medida principal para frear o despoboamento é o emprego. Nós temos unhas cifras moi boas. O ano pasado estábamos nun 7% de paro. Traballar no emprego vai ser unhas das prioridades. Do rural hai que estar pendente, revitalizalo. Hai que dotalo de servizos e de comunicacións. Co tema do camiño vello a Santiago, que sempre dá vida. Son cousiñas que non só dan vida, traballan no orgullo da xente. Cerceda está moi ben comunicada. Iso é bo para asentar empresas, que teñen bos accesos á A-6, a A Coruña ou a Santiago. Tamén é certo que no tema da poboación é un arma de dobre filo. A xente ten moita facilidade de traballar aquí e estar fóra. Digamos que toda virtude ten a súa parte negativa.

No pleno de investidura dunha transición, como será?

Agora ten que haber dous, tres, catro meses no que todos os temas que levaba Pepe (José García Liñares) vaian recaendo nos ombreiros do novo Executivo. Falaba de dúas transicións. Esa, de que recaian os temas sobre nós, e despois unha que por lóxica sería dun ano, que sería o tempo que necesitas para ver o ciclo de moitas cousas. O 95% das cousas que atinxen á Administración local teñen unha periodicidade dun ano. A transición nunca vai ser unha escusa.

O seu antecesor, García Liñares, está a axudalo estas semanas?

Cando eu o requiro, si. Sería moi inxenuo pola nosa parte non preguntarlle nada, porque é unha persoa que levou moitos temas pola súa man e moi vixente aínda con moitos coñecementos e dende logo a súa opinión será tida en conta. Escoitamos o que nos din e facemos o que consideramos correcto. Igual que sería inxenuo a primeira parte, pois tamén sería moi inxenuo que no marco das nosas responsabilidades, as decisións non as tomáramos nós. Eu como alcalde e o grupo de Goberno como Goberno. Imos ser sempre soberanos e imos tomar as nosas decisións, como non podía ser doutra maneira.

El está a súa disposición se o necesitan?

El está a nosa disposición. Prestounos a súa colaboración en caso de necesitalo. Como digo, sempre estarei disposto a escoitar á xente, ás distintas voces e el pola súa traxectoria e polo seu peso sempre será unha voz que estaremos dispostos a escoitar. Iso non quita que as decisións, como é lóxico, as tomemos nós.

Que lle pareceu a condena xudicial a Liñares?

Eu unha vez que no primeiro xuízo se constataron irregularidades por parte do xuíz que levara a repetición e sabedor do corporativismo que adoita haber en todas as profesións, pero tamén nesa, pois desexaba que saíra ben do segundo xuízo, pero non tiña excesivas esperanzas porque parecíame raro que despois de haber unha sentenza que na segunda botasen todo atrás. Foi así a cuestión. Eu desde logo trato de mirar para adiante. Teño a miña opinión, non comparto a sentenza. En todo caso hai que respectala. A cuestión agora é mirar para adiante. Cerceda estanos agardando e hai moito que facer. Dende logo non hai maior motivación que centrarse nos problemas da veciñanza e iso é o que temos na cabeza. O pasado, pasado está.