O Concello de Cambre e os institutos David Buján e Afonso X O Sabio impulsan o Certame Literario Xoán Díaz, que xa vai pola súa vixésima edición. Neste concurso poderá participar calqueira persoa cunha idade comprendida entre os 12 e os 26 anos nas modalidades de poesía, narración breve e microrrelatos.

Os traballos deberán estar escritos en lingua galega e deberán ser completamente "orixinais, inéditos" e non ter recibido ningún premio previamente, segundo informa o Goberno local de Cambre. Haberá tres categorías: de 12 a 14 anos, de 15 a 18 e de 19 a 26 anos.

As persoas interesadas en participar poderán presentar as súas obras nos dous centros escolares, nas oficinas do rexistro da Casa do Concello ou enviar as súas obras a través do correo postal ou de forma electrónica. O prazo de entrega de traballos arrancará o 15 de marzo e terminará o 30 de abril.