Eva Quetti, Loli Rodríguez, Pili Carrodeguas, Mariluz Pacheco, Marisol García, Carme Veiga. Seis mulleres traballadoras con experiencias de resistencia e superación no rural da Coruña, en Moeche, Vilarmaior, Irixoa, Ordes e Arzúa. As súas vidas, os seus soños e os seus retos quedarían esquecidos como tantas outras historias cotiás se non fose polo libro EspadEla: escola de empoderamento para mulleres do medio rural. Historias de vida, que recolle as súas voces e que hoxe se presenta ás 18.00 horas no local do Sindicato Labrego Galego de Betanzos (rúa Cruz Verde, 7).

O libro, que recibiu o premio Luísa Villalta de 2019, foi redactado por Beatriz López e Tania Merelas, integrantes da cooperativa Arabías e que desde 2018 dan clases a mulleres do rural na escola Espadela.

Polos seus obradoiros, que tamén se imparten en Betanzos, pasaron unhas sesenta alumnas, e, segundo explica López, "decatámonos de que había vidas de mulleres moi dignas de rescatar, visibilizar e poñer en valor". Na obra, con fotos de Lucía Catoira, intentan compensar un foco de atención que tradicionalmente recaeu no mundo urbano e no masculino e deste xeito invisibilizou por partidas dobre ás mulleres do rural.

E estas teñen ideas que expresar e realidades que denunciar. Como que o peso de atender aos coidados dos maiores, os discapacitados e os dependentes recae de xeito desproporcionado sobre os ombreiros das mulleres do rural nun contexto no que moitas veces faltan medios públicos para atendelos. "As miñas xornadas son aberto 24 horas", sinala Eva Quetti, unha das participantes. Visibilizar esta labor cotiá permite poñela en valor.

Pero tamén se trata de verbalizar aquelo ao que renuncian as mulleres que deben asumir cargas polo seu rol de xénero. "Aprendín a quererme a min mesma, a coñecerme e a ser eu", sinala no libro Loli Rodríguez, despois de moitos anos de sacrificios polos demáis. López explica que moitas das mulleres do rural sofren dunha importante "falta de tempos propios". Reclamalos é importante para que as mulleres enfoquen a súa existencia desde o apoderamento e o feminismo e sexan capaces de vivir "a súa propia vida".

Outro punto que se trata no libro é a despoboación e envellecemento e as súas consecuencias. Mariluz Pacheco, que lembra que cando era nova se reunían trinta persoas na cociña da súa casa, engade que "iso acabouse' e que actualmente "no rural hai moita soidade". Unha das problemáticas que é común a moitas das mulleres que participan nos obradoiros de Espadela , sinala López, é a "preocupación polo futuro".

Finalmente, a obra tamén pretende destacar o papel das mulleres que pelexaron para non ser relegadas e a importancia de que participen en colectivos. Outra das voces, Marisol García, explica no libro como fixo por ser escoitada na cooperativa."As mulleres nas casas eran quen facían o traballo, muxían" sinala, pero nas reunións "eran as que non aparecían. Eu sempre deixaba claro que debían estar".

Formación e apoderamento

Espadela ten tres liñas formativas. Nunha trabállanse as novas tecnoloxías e medios dixitais, traballando a fenda de xénero, pois, segundo sinala López, as mulleres de certa idade do rural teñen dificultades "non tanto para acceder aos dispositivos, senón tamén para manexalos" pola falta de formación.

Noutra, chamada Con voz propia, a escola traballa o fortelecemento da autoestima e do papel das mulleres, buscando reflexionar e previr as situacións machistas. Isto faise, sinala López, traballando a través das propias vivencias e experiencias das alumnas.

Finalmente, en Habitando o noso corpo, as asistentes aos obradoiros exploran cuestións relacionadas coa corporalidade, as emocións e a súa expresión, a través da biodanza e do ioga.