"A min de nena sempre me quedou na cabeza por que lle chamaban O Repicho á rúa cando a fonte se chama A Revoltosa", contan dende a perruquería María Jesús, pouco máis abaixo deste manancial do ano 1933. A fonte bautizou á rúa pero non co seu nome, senón co efecto que producía o seu caudal, porque "repichaba" a auga do caño. O verbo repichar úsase moito na fala ferrolá (din que o ferrolano non respinga senón que repicha) e os diccionarios din que significa estirar, erguer, revirichar, incluso levantar o rabo un animal. "Como botaba un repicho pequeniño, unha gotiña no verán...", engade a perruqueira.

A fonte está hoxe en día no mesmo sitio que orixinalmente, aínda que entón era de pedra e tiña un banquiño ao lado. Era moi utilizada polos veciños que non tiñan pozo e a auga viña dun manancial. Hoxe é auga da traída pero non bota.

Coa última reforma da rúa (a anterior a esta que está a punto de rematar) puxéronlle un pulsador porque, segundo os veciños, antes os nenos estaban todo o día xogando a salpicar e corría a auga por todo o chan. Porén, agora premes e non sae auga. Os residentes nesta rúa tradicional de Santa Cruz, unha das máis bonitas do núcleo, din que se anulou porque se abriu outra fonte abaixo, no paseo marítimo da praia.

A fonte está encaixonada entre dous edificios, con tuberías aos lados que a afean e que piden unha mellora como a da rúa.