En moitos portos galegos os mariñeiros seguen saíndo con normalidade a faenar. No caso de Lorbé case non hai actividade dende que se decretou o estado de alarma o pasado venres a causa do contaxio do coronavirus.

"Están saíndo dous ou tres barcos, a maioría quedou. Eu mesmo non saio ao mar dende o venres pasado. Hai peixe e véndese, si, pero a xente está comprando o que leva o prezo máis baixo, nestos momentos de incertidume, que pensamos que despois disto a crise será tan grande, non se compran especies que nos dan cartos, que si compensan, como o rodaballo, linguado, centolo. É normal, non te vas a meter en gastos", contou o patrón maior da Confraría de Lorbé, Emilio Méndez.

O patrón de Lorbé sinalou que si sairá da casa o domingo "para atender os aparellos, coma sempre", e como fan o resto de mariñeiros.

"Unha semana, dúas, aguantas, pero se é máis tempo, hai que pagar Seguridade Social, combustible...", engadiu Emilio Méndez, que tamén pensa, ao igual que tantos outros mariñeiros, cómo se manterán despois, ao ser éste, o do mar, outro sector afectado poo impacto da pandemia e que ve reducidos os seus ingresos.

Seguridade

Os barcos que saen ao mar a traballar tamén toman precaucións, sanitarias, pero as dificultades para seguir as directrices son insalvables en moitos casos. "O espazo do barco é o que é, e non sempre podes estar a un metro doutro".

No porto de Lorbé traballan unha ducia de barcos, e hai ademais redeiras, unha carpintería de ribeira e unha importante empresa de produción de mexillón, Demarlosa, do grupo sadense Proinsa.