O Concello de Oleiros está pechado, agás casos urxentes e por cita, pero Servizos Sociais, con vostede, Belén Taboada, á cabeza, está a tope nunha situación coma esta.

Si, pero aínda así onte mesmo [polo mércores] fixemos varias entregas urxentes a familias vulnerables, presencialmente, con mascarillas e luvas e aplicando o sentido común. E temos á psicóloga que atende telefonicamente, está chamando a todas as persoas que tiñan cita, collendo a moitas que no Ventorrillo lles cancelaron a cita.

As actividades para os maiores, claro, tamén se cancelaron.

Suspendéronse xa a pasada semana actividades de envellecemento activo para maiores de 60 anos, os obradoiros de memoria clases de ioga, relaxación... Pero os monitores están chamando todos os días, sobre todo ás persoas que sabemos que están soas na casa ou pasan moito tempo soas porque os fillos traballan. E agradecen moito que os chames, encántalles, porque moitas veces están nerviosos. Nas actividades de igualdade si que paramos todo.

O exercicio físico das clases do Concello ás que ían, agora ten que ser na casa de cada un.

A partir do venres [por hoxe] os monitores das actividades municipais, que están en grupos de WhatsApp, van a impartir clases online e vámolas a subir ao Facebook, todas as que impartiamos, os exercicios que facían cos monitores, para que poidan seguilos desde o fogar.

Tedes chamadas de novos usuarios de Servizos Sociais dende que se decretou a alarma?

Polo dagora non moito. O martes tres persoas novas, que non eran usuarias, puxéronse en contacto con nós e xa lles van repartir, dende o supermercado co que temos acordo. Pero xa nos estamos preparando para ter moita xente nova a partir de agora, segundo vaia avanzando o virus. Afortunadamente en Oleiros hai aínda bastante rede de apoio veciñal, uns axudan a outros, ou nos chaman para informar se alguén precisa unha axuda.

Todo este incremento de axudas, novos beneficiarios... vai requerir moito desembolso. Hai partidas económicas?

Na reunión de Goberno que tivemos xa falei disto, de que se ían precisar máis cartos, e o alcalde dixo, textualmente, 'o que faga falta ', que oxalá todo se arranxase con cartos. Non vai haber problema.

As persoas máis vulnerables, son a prioridade do Goberno nestes momentos?

Absolutamente, as persoas en situación de emerxencia son prioritarias, tanto para cuestións de alimentación como económicas como pagar os recibos da luz, aluguer, auga... Hai moitos que acababan de empezar a levantar o voo, que conseguiran por fin un traballo, e que agora non o poden facer, que teñen que estar na casa, e xúrdenlle novas necesidades ao quedar sen ingresos.

Os comedores escolares, ao pechar os colexios, xa non funcionan.

Contactamos coas ANPA e empresas que os xestionan para ver se se podían seguir prestando o servizo pero foi imposible, é moi difícil. O que fixemos foi mirar que familias eran beneficiarias de bono social por renta, ademais de ser o neno beneficiario de axuda ao comedor escolar, e vendo que son as máis necesitadas, reforzarlle a entrega de alimentos, digamos, darlle como medio bono máis. Os bonos entréganse dúas veces ao mes. Ademais, acaban de chegarnos 16.000 kilos da Unión Europea, non peredecedoiros, e este reparto complétase co bono municipal, que é máis de producto fresco e artículos para lactantes.

Servizos Sociais dixo que non precisan voluntarios.

Polo de agora non nos fai falla máis xente. Temos un voluntariado municipal estable hai anos e ademais apuntáronse moitos veciños, entre eles moitos rapaces que se quedaron sen clases e teñen tempo, quedámonos cos seus nomes porque agora non pero se a situación se prolonga máis, sí que poden facernos falta, non os descartamos. Queremos actuar dende a sensatez e coa mellor intención de axudar a canta máis xente poidamos, con sentido e ben organizados.