O Concello de Oleiros dispuxo un servizo de atención psicolóxica aberto a calquera veciño, ante os probables problemas que xurdirán a causa deste confinamento. Está atendido pola psicóloga de Servizos Sociais Blanca Navarro, só con marcar a extensión 3120 do teléfono 981.610000.

Como foi o primeiro día deste servizo especial?

Chamaron poucas persoas aínda comezamos agora, pero con casos de sobrecarga importante, con moito medo a enfermar, non do virus senón da sobrecarga que supón, xente que comezara a levantar cabeza economicamente, que quedan na casa sen recursos... En situacións deste tipo, prodúcese unha sobrecarga emocional moi forte. Son xente que xa ten circunstancias familiares moi difíciles. E o feito de que chamen, que pidan axuda, sen que non me coñezan aínda, e vencer esa reticencia, está moi ben, agradézollo.

Eran usuarios de Servizos Sociais?

Non. Este servizo pode axudar a coñecer a máis persoas que necesitan axuda e que non tiñamos rexistrado, e que poden converterse en novos usuarios de Servizos Sociais. Farémoslles un seguimento e intervención. Aparte de atender á xente que chama agora neste servizo de atención psicolóxica, eu sigo facendo a ronda de chamadas a todos os usuarios que xa tiña de Servizos Sociais, sobre todo persoas que viven soas. Teño un equipo que me apoia, e pódese facer.

Como se senten, estas persoas que chaman?

Se isto repercute en persoas sen sintomatoloxías, máis nas que teñen sintomatoloxías patolóxicas, nun momento coma este dispáranse, hai moita somatización, sensación de non poder respirar, sobre todo xente con carencias, máis fráxiles. Estamos recibindo moita información e sen tempo para xestionala. Ter alguén que te escoite é importante porque moita xente non ten habilidades para exteriorizar os seus medos ou non teñen con quen.

E pódese axudar só falando?

A miña función non é resolver, senón de contención emocional, e facerlles despois un seguimento, chamándoos, se precisan, unha, dúas veces ao día. Estoulles dicindo que despois desta crise, ofrezo a posibilidade de darnos un abrazo fisicamente e coñecernos, ese é o meu compromiso. Este é o momento da ética colectiva, a solidariedade, a xenerosidade. A miña responsabilidade é axudar a quen o necesita.

Din que van aumentar os divorcios tras o confinamento

É un momento de gran tensión social, do que non hai experiencia previa, aínda non sabemos cales van ser todas as repercusións. Hai que esperar.

Tamén pode traer cousas positivas, toda a familia de novo xunta, comendo xuntos...

É un momento para aprender compartir. Socioloxicamente, aínda que triste, é un momento interesante. É o momento da solidariedade entre todos e a xenerosidade. E o humor é necesario.