Ten uns apelidos que remiten ás grandes sagas de oleiros de Buño (Malpica) pero Nancy Caamaño Gorín escolleu axudar aos demais e leva máis de vinte anos adicada á súa paixón, á profesión de enfermeira, nun hospital preto de Porto (Portugal) a onde emigrou nunha época na que no país había pouca saída. Alí se entrega cada día, xunto cos seus compañeiros, á loita contra o Covid-19 que tamén está impactando, aínda que polo de agora non tanto como en España, ao país luso. Pediu voltar a Urxencias porque cre que é onde máis se precisa axuda agora, nun acto coma tantos do sector sanitario, de exemplar adicación e vocación, sen pensar neles, só nos demais.

Canto tempo leva en Portugal?

Levo 21 anos, fareinos este vindeiro 19 de abril.

Por que marchou?

Foi unha época na que en España non había traballo. Arredor do 70% dos meus compañeiros de promoción viñemos para Portugal e para este hospital de Santa María da Feira en concreto, porque acababa de abrir e necesitaba médicos e enfermeiras. Entregamos o currículo e se tiñas o título xa te collían. Traballei en Urxencias ata hai tres anos, agora estaba nunha especialidade de rehabilitación con xente que tivo un ictus, dano neurolóxico, que lle puxeron unha prótese. Traballo moito cos pacientes de Urxencias igual, pero ao suceder todo isto sentinme na obriga moral de volver a Urxencias, pedino á xefa e agora atendo a pacientes con Covid-19.

En Portugal, como aquí, tamén hai falta de elementos de protección, máscaras, luvas...?

Eu non culpo aos gobernos, ningún país está preparado para algo así. Aquí nesta localidade na que está este hospital é unha zona con moita industria e nós pedimos material a través das redes sociais e houbo unha onda de solidariedade moi grande, foi impresionante como a xente doou, empresas e particulares. Non é o que todos quereríamos, que fose o Estado e non as empresas e particulares os que teñan que traernos o material, pero entendemos que non houbo tempo, que todos están comprando ao mesmo tempo e que non hai. É difícil atopar un termo medio entre a sensatez e a esaxeración, tomar decisións nunha situación así e intentando non crear alarmismo. Pero iso si, creo que foi un erro seguir coa manifestación do 8-M.

No seu hospital daquela tedes material.

No hospital non nos falta de nada. Non houbo un día que fose a traballar e que me sentise desprotexida. Ademais o hospital aínda tiña moito stock de material e tamén racionalizamos moi ben o equipamento. Cada zona ten un kit de protección individualizado e distinto. Temos o que chamamos zona sucia e zona limpa, e o persoal leva unha equipación moi diferente, e cada día se entrega o equipo un por un. Conseguimos organizarnos en quince días, crear circuítos totalmente diferentes aos que tíñamos, normas distintas, houbo unha grande capacidade de adaptación, e nunca tan unidos estivemos.

Portugal aínda non ten os números terribles de contaxios e vítimas de España.

Aquí a curva está moito mellor porque veu máis tarde e foise aprendendo do que pasaba noutros países e o país foi precavido. O día 13 de marzo, creo que foi, pecháronse as escolas e a partir de aí a xente xa non saíu da casa, xa non necesitaron que se decretase o confinamento. A xente en xeral portouse ben, aínda que ao principio tiveron agobio, como en España, por exemplo aquí tamén pasou o da compra de papel hixiénico, logo xa entenderon que non habería desabastecemento, e non falta de nada. É terrible ver imaxes en España, como as de Ifema, ver compañeiros con bolsas de lixo para protexerse.

Atenden a moitos pacientes con Covid-19?

Si porque aquí preto está o concello de Ovar, que celebrou un Entroido que é coñecidísimo, veñen miles de persoas, e foi unha festa biolóxica para o contaxio. Se nós estamos en estado de emerxencia, Ovar ten a declaración de calamidade, está totalmente acordoado, pechado pola policía, non se pode entrar nin saír. Ten máis casos que a media nacional, aínda que acabamos de ver que baixou un pouquiño, que se está enlentecendo o contaxio, así que estamos algo máis optimistas. Esa sensación como de estar esperando un tsunami, aínda non a temos. O hospital ten nove plantas e unha delas ten tres salas dedicadas a Covid-19 e en coidados intensivos hai dúas.

Ten coñecidos que se contaxiasen?

Un amigo de 47 anos, precisamente de Ovar, xa ves que tamén afecta á xente nova. Foi entubado, tiña neumonía bilateral, como pasa nestes casos de coronavirus, estivo moi mal. E sen antecedentes de ningunha enfermidade, nin fuma, só ten hipertensión arterial, que xa se está vendo que é un factor. Hoxe [polo xoves] quitáronlle o tubo e foi unha grande alegría.

E vostede como está, con este traballo tan exposto para o contaxio, con tanta presión, ver amigos, afectados...?

O nivel de adrenalina é tan alto que simplemente estás, e cando pase seguramente moitos se veñan abaixo. Nós alteramos a nosa vida profesional e persoal. Teño unha filla de 11 anos que a levamos á casa dunha tía porque tamén o seu pai é enfermeiro, pero quince días despois, non aguantaba sen vernos. E decidín traela, está comigo na casa. Teño uns xefes fantásticos que me permitiron facer horario de mañá.

E como organiza na casa para manter a seguridade?

Na casa fixen como no hospital, un circuíto de zona sucia, onde descanso ao chegar, e despois dúchome e vou á zona limpa. E os biquiños teñen que ser co cóbado. E limpando moito con desinfectante, a nena tamén, sabe o que ten que facer. Tiven a dualidade de nai e enfermeira, pero para min é un deber estar aquí, vin que ela se adaptaba e sinto que estou onde teño queestar.

Non ten medo?

Non, síntome protexida. E eu teño un carácter resiliente e moi optimista. Gústame moito o que fago, non escollería estar en ningún outro lado. Hai algún médico afectado no hospital, pero en Urxencias non. Cando viñeron os dous primeiros casos, un dunha rapaza de 17 anos, aínda non sabíamos que era Covid-19, pasaron cuarentena, pero sen positivo.

En Portugal tamén aplauden ao persoal sanitario ás oito como en España?

O carácter portugués non é tan efusivo como o noso, son máis contidos, non berran nin van aos balcóns, pero son extraordinariamente solidarios, doutra forma. Temos restaurantes que nos traen comida ao persoal, as froiterías déixannos froita todos os días, os súper tráennos augas... é impresionante. Temos unha señora que fai a compra para ela e colle dúas bolsas máis para traernos.