A crise sanitaria deixa pouca marxe para o espallamento aos alcaldes da bisbarra. Nolo conta en primeira persoa o de Sada, Benito Portela, que é un dos primeiros en chegar ao Concello para supervisar os protocolos especiais aprobados polo corononavirus e coordinar os servizos mínimos. "Intentamos facer o máximo traballo posible desde casa, pero de momento eu estou indo todas as mañás ao Concello, ata as tres ou catro", conta o rexedor, que intenta dedicarlle parte da tarde aos nenos. "Gústame poñer Radio Patio despois de facer os deberes cos meus fillos, levanta a moral", conta.

Conciliar nestas circunstancias non é doado e a emisora online para amenizar o confinamento que puxeron en marcha os promotores dos Xogos Curruncheiros e o responsable da Terraza, Francisco Fariña, non só axuda a pasar un bo rato en familia, senón que permite ademais tecer redes cos veciños, facer comunidade. "Estou moi orgulloso desta iniciativa, o outro día estiven a piques de dedicarlle unha canción ás traballadoras do servizo de axuda no fogar, que ben o merecen, pero non quero politizar Radio Patio", conta Portela.

El é dos que todos os días as oito da tarde se asoma á ventá que dá á rúa da Obra para aplaudir aos sanitarios e outros profesionais que plantan cara a diario ao Covid-19. "Esta situación ten algo de bo, que é saber que un só non pode gañar ao virus. Esa sensación de que todos temos que pór todo da nosa parte realza o espírito colectivo, que estaba un pouco perdido", reflexiona Portela

El e o resto dos concelleiros saben o importante que é manter o contacto nestes intres, especialmente cos maiores, os máis vulnerables nesta crise. "Todos nós, técnicos e concelleiros, estamos facendo roldas de chamadas aos maiores de setenta anos que viven sós", explica Portela, que fai un chamamento aos veciños: "Temos varios teléfonos abertos para que nos comuniquen calquera incidencia e avisen das familias en situación de vulnerabilidade".

Estes días de cuarentena o teléfono bota fume pero na casa, di, xa están afeitos a que o móbil sexa case un apéndice máis do seu corpo. "A os meus fillos non lles sorprende moito que papá estea pegado ao teléfono, é o habitual", chancea. El tamén fai por desconectar un ratiño, pero cústalle. "Estas últimas noites vin unha serie, A vítima número oito, interrompida con chamadas", conta.O deporte é outra materia pendente nestas semanas de confinamento. "Son o único da familia que non fai exercicio na casa, agás algo testemuñal con meus fillos, Sempre o fixen ao aire libre e cústame".