A crise sanitaria varreu co día a día dos concellos, que funcionan a dous tempos: os prazos administrativos están en tempo morto pero os servizos básicos botan fume e os concelleiros do goberno de Sada traballan máis preto ca nunca a pesar de verse na obriga de comunicarse por videochamadas. Benito Portela apunta a necesidade de que as administracións traballen arreo e coordinadas: "Non é o momento de estar pensando quen ten que facer o traballo, senón de facelo", defende o rexedor, que apela á necesidade de anticiparse: "De momento nós non estamos desbordados, pero temos que estar preparados para atender calquera situación, ninguén pode quedarse fóra..." , di. O Goberno local xa aprobou unha moratoria de taxas e impostos como paso previo a outras medidas complementarias ás do Estado e Xunta que prevé pór en marcha para saír desta crise: "No marco das nosas competencias, temos que analizar onde diminuír a presión fiscal para axudar a xente. É moi importante pór en marcha unha política fiscal de apoio ás pequenas empresas, os autónomos e aos colectivos vulnerables e intentar desenvolver accións que xeren emprego", apunta o alcalde.