O mariñeiro non quere que os fillos vaian ao mar. O pai, o avó, os tíos e os primos de Xurxo Martínez dedicábanse á pesca e el meteuse a mecánico de automóbiles, estivo catro anos no departamento de servizos do Concello de Oleiros, pero o mar tira moito e rematou por pasar un mes nun bateeiro de mexillón e dous meses no arrastre e ao final xa sacou a titulación de mecánico naval. Está facendo días de mar, ten que ter un ano completo para ser oficial ou xefe de máquinas e fáltanlle catro meses. A este rapaz de Lorbé o impacto do coronavirus pillouno nun barco en Escocia.

Cando chegou a Aberdeen?

Eu empecei a traballar alí o pasado setembro, pero como é un traballo por mareas, cada dous ou dous meses e medio, xa volvera e saíra de novo para aló o pasado 22 de febreiro e volvín hai unha semana, en pleno confinamento aquí. Estivemos traballando dez días e despois tivemos que estar dúas semanas de corentena. Cando a cousa se puxo seria o contratista, Dragados, parou. Ao principio seguimos traballando pero xa non podíamos ir buscar víveres e as autoridades escocesas despois xa recomendaron illamento.

Que fan aló?

Estamos facendo un porto exterior nas aforas, desde cero. Están traballando dous barcos na súa construción, o noso e outro holandés. Estamos colocando os caixóns para facer o dique, dragar...igual que en Langosteira.

Traballou no porto exterior de punta Langosteira, no concello de Arteixo?

Si, de feito é a mesma contratista. Son portos parecidos, en mar aberto, nos que se colle moito temporal, non están ao abrigo como pode ser o de Ferrol, entra o mar moi bravo, e se estás na cuberta tes risco de que veña un golpe de mar e caer.

Canta xente eran no barco?

Éramos nove, a maioría galegos, e o encargado, que normalmente vive en terra nun piso pero ao pasar isto veu tamén. Estábamos nun barco de 2.000 toneladas, uns 65 metros, non moi grande.

A vostedes non lles fixeron test nin nada e manter a seguridade...

Ían vir do servizo de saúde escocés pero ao final non viñeron. Os do barco holandés xa marcharon dúas semanas antes de que empezásemos a corentena, foron máis precavidos. En canto a seguridade, a distancia é imposible, e compartimos camarotes...

Como volveu a Lorbé?

Ao decidir parar totalmente a obra e rematar a corentena, a empresa xestionou para que volvésemos por avión pero non había avión e tiveron que traer o barco para Sada. Unha vez alí veu o consignatario e policía portuaria, e pediu os datos de enrole, libro de navegación e fíxonos un pasavante, un certificado conforme desembarcamos tal día e a empresa nos poñía un taxi para levarnos á casa por si nos paraba a Garda Civil. Se non tes todos os papeis en regra non desembarcas. E se nos chaman para volver, igual, tamén nos faría falta outro pasavante para ir da casa ao barco en taxi.

Como foi a convivencia no barco, na corentena, e sen poder traballar?

No barco xa estás bastante illado, salvo cando baixas a terra cada quince días. Non foi difícil, aínda que son moitas horas xuntos en espazos moi reducidos, pero en xeral ben. Son campañas que van segundo a marea, dous ou dous meses e medio. Facíamos mantemento, pintar... E logo, ver películas no portátil, ler, escoitar música... Houbo algo de tensión ao principio porque había compañeiros que non querían ir a terra cando lles tocaba, antes de corentena, polo risco de contaxiarse, pero xa decidimos todos que era mellor non baixar. Ao principio dicíase que non era nada e seguíase traballando normalmente.

Levouno ben?

Somos os que menos o notamos, se cadra, porque xa estamos nunha corentena permanente. O único, que tivemos que estirar máis os víveres e o gasoil. A preocupación era por se non podiamos volver para casa e polas familias aquí.

Verían como ía empeorando a cousa en España.

Si, a tensión tamén era pola xente de aquí, estábamos a todas horas con chamadas, co teléfono, por medo pola familia polo que líamos sobre o que pasaba. Alí non era tanto, as autoridades tardaron en reaccionar, pero despois cambiaron e xa ordenaron parar, as obras están totalmente paradas agora.

E non saben cando volveredes traballar?

Non, non sabemos nada, falan de que a principios do mes que ven... Na obra de Aberdeen levan dous anos e aínda quedan outros dous de traballo. O noso é un contrato por obra, regresamos cando aínda me quedaban tres semanas desta marea.