Coa pandereta diante da lareira ou tocando o sacho coa pedra, coa gaita dentro dun Seat 600, co acordeón no salón, cantando con dous bebés no colo e incluso percutindo un instrumento moi antigo e caseiro que se bate con varillas como as dunha batidora. Así cantan e tocan os membros do Grupo de Gaitas e Baile do Concello de Abegondo nun fermoso vídeo que acaban de colgar nas redes e no que versionan en galego Resistiré.

No video participan intérpretes de todas as idades, dende nenos a maiores. Aparecen gaitas, percusión tradicional galega, cantareiras. O traballo audiovisual, que elaboraron por videoconferencia, remata coa mensaxe Nunca choveu que non escampara. A Escola de Música de Abegondo segue a traballar por vía telemática desde o inicio do estado de alarma co esforzo de docentes e alumnado.

Seguimos traballando durante o confinamento, dando as clases telemáticamente. Na escola somos uns 400 alumnos e estamos todos os días dando clase, participan todos. Somos dez profesores e eu, o director. A verdade é que estamos as 24 horas dispoñibles. Levávamos tempo coa idea de facer este vídeo, víramos outros co tema de Resistiré, pero non vin ningún que xuntara todo, a canción, a música tradicional galega. Fixen o arranxo musical e as partituras para todos e este é o resultado", conta Diego Moar, director da Escola de Música de Abegondo, que ademais é o que aparece, no vídeo, tocando a gaita no seu fermoso 600.

O vídeo pódese ver aquí: https://we.tl/t-oSdNJMHmQO