A olería é unha arte que ano tras ano vai perdendo mans pero en contra do que se poida pensar é un oficio moi vivo, que se preocupa por mellorar a sociedade e que practica a solidaridade: con motivo do 8-M púxose en marcha Zoquiñas Vermellas, impulsado pola asociación Visibles, os oleiros de Buño (Malpica) e o Concello, coa que se fixeron e venderon pezas e os ingresos foron para a asociación Mirabal de vítimas de violencia de xénero. Agora nas redes sociales teñen un concurso para pintar na casa unha peza de barro, e o gañador verá feita realidade a súa creación. O estado de confinamento sen embargo pode tirar abaixo o esforzo que este sector, que en Buño agrupa a unha ducia de profesionais, viña facendo por recuperarse dende a crise de 2008.

É o que lle faltaba á olería, xa de por si un sector feble, e agora tendas pechadas e sen clientes.

É unha ferida grande para a olería, que xa é un sector bastante precario. Estamos con medo, e tristes. Estamos como esperando un milagre. O que está pasando inflúe moito, as tendas e talleres están pechados, e aínda que podes aproveitar para facer algo, tampouco tes a quen vendelo, e tes que seguir pagando gas, esmaltes...

Dende a crise do 2008 ían tirando cos regalos de eventos e empresa, pero xusto esto tamén está parado, e xa se verá ata cando.

Si, xusto agora na primavera é cando vendiamos máis. Trofeos para eventos, regalos para bodas, bautizos, comuñóns, concursos de baile, tazas para as festas, para o Día das Letras Galegas... E non hai nada disto. Xusto en Semana Santa é cando máis vendíamos, e xa se perdeu todo. No verán tamén é outra época forte, e como non vai haber turismo, a xente non vai viaxar.

E moitos gastarán noutras cousas antes que en pezas para decorar...

Claro. O noso quizais será o último que compren, eu enténdoo, é das últimas cousas que che poden facer falta. E ademais non sei se a xente se atreverá moito a saír despois disto, aínda que se remate o confinamento, hai moito medo.

Hai que pensar que o barro tamén é útil nas cousas prácticas, non só para decorar.

Eu sempre digo que as pezas teñen que facerse para usarse, no día a día, non só para poñer de fruteiro ou centro de mesa. Por exemplo agora estamos facendo moitos cuncos, porque se fan moitas ensaladas e se piden moito. Pois agora como cocemos o barro a altas temperaturas, son pezas que aguantan moito mellor, podes metelas no lavavaixelas por exemplo. Eu úsoos ata para servir as patacas fritas. Hai moitas pezas con uso práctico. Tazas, xarróns...

Este agosto faríase a edición 37 da Mostra de Olería. Pero con todo o que está a pasar, non sei se se vai suspender, e véndese moito nesta feira.

Xusto este ano estabamos moi ilusionados porque empezáramos a preparala antes, xa empezamos a falar en novembro, decembro, e en xaneiro xa estabamos facendo os proxectos, xa tiñamos encauzado, aínda que non contratáramos, pero agora non creo que vaia haber mostra. Aínda non está decidido, pero se non deixan facer feiras, pola aglomeración de xente...

Como autónomos que sodes todos, contaredes coas axudas do Goberno polo menos.

Os oleiros xa non somos xente de grandes soldos, e con isto... A ver se nos descontan o pago dos recibos polo menos. O das axudas que anunciaron están ben pero xa perdiches ese cliente, e cando abra a tenda, non imos vender, e a ver se algúns nos encargan, o problema é o que vai pasar no futuro. Moitos tiñamos encargos e xa chamaron para anular, moitos oleiros tiñas cousas feitas e os clientes dixeron que as gardásemos que para o ano nolas collían, aínda menos mal. Outros che din mira, para, non me fagas máis. Aínda acarreábamos o da crise de 2008, que aínda non se superou e agora... A ver se pouco a pouco se soluciona, se atopa unha vacina.