Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de Camiños, aínda que non exerce como tal, xa que a vida levouna cara a súa verdadeira vocación, que é escribir libros. Con menos de 30 anos de idade xa ten publicado cinco: O misterio de Portomarín, A Reconquista, Senlleiras, O misterio do torque de Burela e Be Water. Todos, salvo o terceiro, son de literatura xuvenil. Reside en Cecebre, en Cambre, onde traballa na súa propia academia con nenos.

Xa ten cinco libros publicados con case 29 anos. Como é posible isto?

Eu creo que tiven sorte. En contra do que se pode pensar en isto de escribir e as cousas da cultura, aínda que o talento é un gran factor, moitas veces importa máis a sorte que o talento. No primeiro libro o editor dixo si á primeira. Que me fose animando a escribir máis. Ese libro primeiro, O misterio de Portomarín, tivo unha boa acollida entre os rapaces, sobre todo de primeiro da ESO. Moita xente que escribe hoxe en día en Galicia, aínda que está cambiando, traballa na Educación. De escribir non só se vive. Entón, teñen uns horarios máis amplos que os meus. Abrín unha academia. Iso o que me permite é ter máis tempo para escribir. Eu case teño todas as mañás libres, excepto que viaxe ou faga charlas, ou cousas así. Teño máis tempo para escribir e por iso tamén conseguín escribir tanto.

Está a aproveitar o confinamento para poder sacar algunha idea para un libro novo?

Estou escribindo unha cousa que tiña aí parada desde o ano pasado. A verdade si que estou escribindo bastante, pero non todo o que eu quería. Como todos os días son iguais, non podo saír, non se pode desconectar tomando algo cos amigos? Como que teño o cerebro sempre facendo o mesmo. Non me cunde tanto como podía pensar. A min resúltame imposible dedicar moitas horas seguidas a facer o mesmo. Non saír afecta bastante, bastante máis do que pensei que podería afectar.

Os cinco libros, principalmente, son literatura xuvenil e de aventura. Por que?

Si, menos Senlleiras. Veño escribindo así porque cando comecei a escribir o primeiro libro tiña 23 anos. Tiña a adolescencia próxima. Cando recordo os libros que me marcaron e que nun futuro gardarei son desa etapa. Da infancia e da adolescencia. De feito, cando me fixen maior de idade, pensaba que, sendo adulta, a xente vai ver mal que eu lea libros de nenos. A literatura xuvenil penso que ten moita máis valía. Bueno, non valía, pero máis valía da que lle queren recoñecer, si. Por que non? Moito dos que din que é unha literatura de segunda escriben para adultos. Se teñen que escribir un libro para un rapaz de 16 anos e que se enganche e lle guste son incapaces moitas veces. Os adolescentes e os nenos non teñen filtros. Se gusta, gusta, e se non, van dicir que é unha merda.

Como se fai para escribir para os nenos?

Unha das claves é seguir tendo contacto con eles. A min unha das cousas que me ofreza a academia é estar con eles. É moi difícil saber que lles preocupa e que cousas lles fan graza. Teño moita sorte de ter o traballo que teño. Si ti con 13 anos te interesan os rapaces ou as rapazas e fas un libro no que un rapaz de 13 anos parece que ten 8, non lles vai gustar porque non o ven reflectido na realidade.

Estudou Enxeñería de Camiños, como acaba de escritora?

Fixen Camiños porque nunca tiven unha vocación moi definida. Non era das que dicía que mañá quere ser enfermeira, ou médica, ou xornalista. Non. Non sabía que quería ser. Cando fixera Selectividade, tiven unha boa nota. En realidade foi porque quería vir á Coruña, porque era unha cidade que me gustaba moito. Tiña mar. Eu viña de Burela e ir para ao interior facíaseme duro. Pois que carreiras hai na Coruña? Guienme por unha que fora difícil para que me supuxese un reto e tamén daquela críase que tiña moitas saídas laborais. Pero no medio da carreira decateime de que non me gustaba. Fixen as prácticas nunha oficina. Foron maxísimos. Os compañeiros, xenial, pero resultaba insoportable entrar ás oito e saír ás tres. Paseino fatal e díxenme que tiña que buscar algo que realmente me gustase. Entón, lembreime que cando era pequena me gustaba moito ler e que vivir diso era complicado. Entón decido participar en certames literarios. Gañei algún e perdín moitos. E logo foi cando dixen, estou terminando a carreira e se non intento publicar algo para ver que tal vai, vou quedar sempre con esa espiña.

Como da aí o paso?

Un editor de Galaxia seguíame por Twitter. Dixen, voulle escribir por Twitter e foi moi amable. Fomos falando e funche mandando o que tiña e dixo que si. Publicamos e foi un pouco deixarse levar. Se o primeiro editor tivera dito que non, son das que se toman moi mal os nos. Ríndome moi fácil. Empezar foi totalmente sorte.